Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco…’ amplíase este curso a tres centros máis

Esta experiencia de educación ambiental é unha iniciativa do grupo de Investigación SEPA para o Concello de Santiago

Actualizada: 05-10-2017 11:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Facendo súas as recomendacións do Acordo de París sobre Cambio Climático, e tendo en conta a necesaria posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación, o grupo de investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental) da USC deseñou o proxecto “Descarboniza! que non é pouco...”, co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “ descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Durante o primeiro semestre do 2017 o Grupo SEPA desenvolveu co Concello de Santiago unha iniciativa piloto na que se tomou como referencia o traballo que se viña desenvolvendo nos Centros Socioculturais (CSC) da cidade. A través de varias sesións formativas, afondouse nas causas e consecuencias do Cambio Climático así como das accións que poden poñerse en marcha para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de forma persoal e colectiva con tres grupos iniciais.

Logo desta primeira etapa de proba, nos CSC de Fontiñas, Vite e Lavacolla, o curso 2017-2018 comeza con tres centros participantes máis –Conxo, Castiñeiriño e Busto– e tres liñas de traballo prioritarias.

A investigación da percepción do cambio climático e a recompilación de dispositivos e iniciativas sociais e educativas exitosas na redución de gases de efecto invernadoiro agroman os que se formulan como piares do proxecto: as actividades vivenciais significativas que conectan ás persoas co problema e o traballo grupal e/ou comunitario que lle outorga proxección social. Experimentar os coñecementos adquiridos e facelo acompañado doutras persoas convértese así na metodoloxía de traballo.

Posto que a metodoloxía de intervención resultou especialmente efectiva con públicos adultos e, sobre todo, con públicos de terceira idade, o programa centrará a atención precisamente nestes destinatarios. “O seu carácter como vectores de intervención na comunidade e a súa dispoñibilidade temporal fan deles un colectivo cun enorme potencial”, afirma o investigador da USC Miguel Pardellas, que aclara que ademais existen moi poucas iniciativas de educación ambiental que traballen con este grupo.

Na actualidade, o Concello de Santiago de Compostela está a desenvolver varios proxectos que directa ou indirectamente están ligados ao proxecto ‘Descarboniza…’ como compostaxe comunitaria, hortas urbanas ou tropa verde, cos que está previsto colaborar para así conseguir un maior impacto e coordinación das actuacións a desenvolver.

Ademais, alén das dinámicas e contidos previstos na metodoloxía de intervención, o traballo realizado na primeira edición do proxecto coa memoria individual e colectiva revelouse un exercicio fortemente motivador, ligando os recordos das participantes dun “pasado de baixas emisións” coa actualidade e as accións necesarias en clave de descarbonización. “A memoria dos barrios empregarase deste xeito como un fío condutor interxeneracional, non en clave nostálxica, senón como aposta de futuro”, asegura Pardellas.