Saltar ao contido principal
Xornal  »  A IV Xornada de Usuarios de R en Galicia desenvolverase o 19 de outubro en Matemáticas

A IV Xornada de Usuarios de R en Galicia desenvolverase o 19 de outubro en Matemáticas

Actualizada: 05-10-2017 12:15
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Facultade de Matemáticas acollerá o 19 de outubro a IV Xornada de Usuarios de R en Galicia, que pretende ser un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións do resto da comunidade. A inscrición é de balde e de libre acceso.

Organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG coa colaboración da USC e patrocinada pola AMTEGA, coa xornada trátase de promocionar e difundir o coñecemento libre da linguaxe estatística R e mostrar as súas aplicacións.

O programa contempla diversos relatorios ao longo de todo o día, así como obradoiros sobre introdución a R e Web Scraping, impartidos por Arís Fanjul Hevia e José Luis Juncal Pérez, respectivamente.

Entre os participantes figuran especialistas da Oficina de Software Libre do CIXUG, do Instituto Galego de Estatística, da Xunta de Galicia, das tres universidades galegas, do Cesga e de empresas como INDRA ou SolidQ.