Saltar ao contido principal
Xornal

A Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación celebra o seu primeiro congreso na USC

AGACOM celébrase na Facultade de Ciencias da Comunicación o vindeiro mes de novembro

Actualizada: 06-10-2017 12:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Persoal investigador e especialistas relacionados coa comunicación daranse cita no I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM), que se celebrará os días 20 e 21 do vindeiro mes de novembro co lema ‘Alén das fronteiras: redes de diversidade’. Durante dous días de debate na Facultade de Ciencias da Comunicación, analizaranse as últimas liñas de investigación e iniciativas que marcan o devir da actualidade. Entre os convidados atópase o recoñecido sociólogo belga e catedrático de Ciencias da Información  e Comunicación da Universidade de París VII Vincennes-Saint Denis, Armand Mattelart.

Co lema ‘Lingua, comunicación e redes na diversidade’, o primeiro panel do programa reunirá ao presidente da Real Academia Galega e docente da Facultade de Ciencias da Comunicación, Víctor Fernández Freixanes, xunto a quen tamén interveñen o profesor da Universidade de París VII Vincennes-Saint Denis, Jacques Guyot, e a xornalista multimedia e de redes dixitais María Yáñez.

A segunda xornada arrincará coa sesión ‘Medios en cambio: mudanzas na investigación e formación en comunicación’. Arredor dela porán en común as súas achegas o profesor da Universidade da Beira Interior Jaquim Mateus Paulo Serra; o profesor da Universidade de Barcelona Emili Prado; a profesora da Universidade de Minho, María Madalena Costa Oliveira; e o presidente da asociación de investigadores de Cabo Verde (Mediacom), Silvino Lopes. Seguidamente, a teórica e investigadora do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) e da Unesco Michèle Mattelart ofrecerá un relatorio presentada por Rosa Franquet profesora da Universidade Autónoma de Barcelona e vicepresidenta da Asociación Española de Investigadores da Comunicación (AE-IC).

A presentación de comunicacións científicas organízase en torno a sete grupos temáticos: historia da comunicación; estrutura, medios e soportes da comunicación; publicidade, relacións públicas e comunicación organizacional; teorías, métodos e técnicas de investigación da comunicación e da recepción dos medios; políticas da diversidade e discursos de xénero; cibercomunicación e cultura dixital; e miscelánea doutros.

AGACOM
AGACOM está formada por persoal investigador e académico que imparten materias sobre ciencias da comunicación. Nace coincidindo co 25 aniversario da implantación destes estudos en Galicia. A Asociación xurdiu no ano 2000 co fin de contribuír a fortalecer as relacións entre os investigadores das ciencias da comunicación dos distintos países europeos, de iberoamérica e doutras partes do mundo, entre elas, as que corresponden ao conxunto de comunidades de cultura lusa.