Saltar ao contido principal
Xornal  »  A diversidade de mamíferos afecta ao ciclo do carbono no Amazonas

A diversidade de mamíferos afecta ao ciclo do carbono no Amazonas

Segundo un traballo da investigadora da USC Mar Sobral no que colabora con persoal investigador de Estados Unidos e Brasil

Actualizada: 11-10-2017 10:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mar Sobral desenvolve actualmente unha estadía en Francia

Un grupo internacional de investigadores identificaron no Amazonas máis de 218.000 mamíferos, 46.000 árbores, ademais de 43.000 interaccións entre especies e un millón de restos orgánicos. A análise inaudita destes datos ecolóxicos mostra unha forte relación entre a diversidade de mamíferos e o carbono na terra e na masa vexetal. É unha “información crítica para fomentar a cooperación entre a actividade humana e servizos xerados pola natureza tan transcendentais como a mitigación do cambio climático”, explica Mar Sobral formada no grupo de investigación Ecoloxía Evolutiva de Plantas liderado por Javier Guitián e que actualmente traballa con Andres Baselga, director do grupo de investigación BIBICI do departamento de Zooloxía.

A investigadora en Ecoloxía, actualmente desprazada no CNRS de Montpellier logo dunha etapa posdoutoral na Universidade de Stanford, acaba de publicar estes resultados na nova revista especializada en ecoloxía do grupo Nature, Nature Ecology and Evolution . Ademais da investigadora da USC asinan o traballo persoal investigador da Universidade de Stanford, de Virginia Tech, da Universidade Estatal de New York, do Museo Nacional UFRJ de Rio de Xaneiro, da Carnegie Institution for Science e da California Academy of Sciences.

A vida está composta por carbono e o funcionamento do seu ciclo é esencial para a vida, afirma a doutora Sobral contextualizando a importancia do estudo. “O carbono distribúese no planeta circulando entre a atmosfera, os organismos e a terra” e neste proceso “os bosques tropicais son fundamentais xa que as súas árbores capturan o carbono regulando o clima”. Completando o conxunto de variables, “moitos outros organismos, ademais das plantas, forman un bosque”, de aí que os investigadores reunidos neste novo artigo se interrogaran sobre si “a diversidade de mamíferos tamén afecta ao ciclo de carbono no Amazonas”.

Prácticas indíxenas
Para responder a esta cuestión recorreron ás prácticas e habilidades tradicionais de 355 indíxenas Makushi, Wapishana e Wai-Wai de Guaiana que realizaron censos durante tres anos, liderados por este equipo de científicos/as de diversas institucións, fundamentalmente da Universidade de Stanford.

A relación entre a diversidade de mamíferos e o carbono detectouse tendo en conta o efecto dunha cantidade inxente de factores tales como a abundancia de animais e plantas, diversidade de árbores, a localización xeográfica, a precipitación, a temperatura e a perturbación humana. Ademais, Mar Sobral colaborou con Luis Navarro do equipo de Divulgare de UVigo na produción dunha curtametraxe de animación que difunde os resultados da investigación e que contou con financiamento de Fundación Iberdrola España.