Saltar ao contido principal
Xornal

O programa Argos da USC amplía o prazo ata o 27 de outubro

Busca novos equipos interdisciplinares de emprendedores entre a comunidade universitaria

Actualizada: 18-10-2017 10:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Inspirándose na mitoloxía grega, o programa Argos da USC busca equipos interdisciplinares de emprendedores universitarios aos que se lles facilitará asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio e avaliarase a súa capacidade para constituír un proxecto empresarial convincente. Traballo en equipo e “aprender facendo” son as dúas claves desta iniciativa aberta a alumnado de posgrao, máster, doutoramento e últimos anos de grao, así como a titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores de grupos de investigación. A inscrición pode formalizarse ata o 27 de outubro.

A conformación dos posibles equipos de Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo, a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais, e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago e de Lugo que poderán ser a base de futuras plans de empresa.

O programa comezará a última semana de outubro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos con catro ou cinco integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén  unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.

Premios
Ao remate do programa, os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo), así como seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación

A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible na web de Uninova ou no da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), que deberá remitirse por correo electrónico a argos@usc.es. As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 / 576.

Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.