Saltar ao contido principal
Xornal

Chega á ETSE o II Machine Learning Workshop Galicia

O encontro pretende constituírse como punto de referencia entre a industria e a comunidade investigadora neste eido

Actualizada: 18-10-2017 13:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

As tecnoloxías baseadas na Intelixencia artificial (IA) experimentaron nos últimos anos un desenvolvemento espectacular. Unha das grandes revolucións desta etapa dourada xira arredor do eido coñecido como Big Data. A sensorización e interconexión masiva da sociedade está a xerar uns volumes de información inxentes, datos que por si mesmos terían pouco valor. Agora, grazas aos algoritmos da Aprendizaxe Máquina (Machine Learning) os científicos especializados en computación son capaces de interpretar, xerar novos modelos ou mesmo facer predicións, o que permite desenvolver novas aplicacións con numerosos beneficios para a sociedade en xeral e a industria en particular.

Polo xeral a industria descoñece o potencial destas técnicas, pero continúa a acumular información que normalmente non sabe como explotar. Co obxectivo de reducir esta fenda entre industria e Academia e servir como punto de encontro entre ambas as esferas, o vindeiro 19 de outubro terá lugar o II Machine Learning Workshop Galicia na Escola Técnica Superior de Enxeñaría(ETSE), unha xornada monográfica para visibilizar a aplicación destas tecnoloxías aos problemas da industria e a sociedade.

A xornada comezará cun relatorio inaugural a cargo de Sorin Cheran, membro da filial francesa de Hewlett Packard Enterprise, na que se presentarán novas arquitecturas paralelas para solucións baseadas en aprendizaxe profunda (Deep Learning), unha tecnoloxía revolucionaria que está detrás de moitas das aplicacións modernas da Intelixencia Artificial. A continuación, terán lugar máis de vinte relatorios que abordarán temáticas tan diferentes como a visión artificial, o procesado de linguaxe ou a mellora dos procesos de fabricación, así como o marketing ou o diagnóstico de patoloxías, entre outras.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día do evento a través do formulario online publicado na web oficial.