Saltar ao contido principal
Xornal

As terceiras xornadas de novas narrativas revisarán os conceptos de adaptación e intermedialidade

Actualizada: 18-10-2017 14:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel das xornadas

As terceiras xornadas de novas narrativas celebraranse este xoves 19 e o venres 20 no Centro de Estudos Avanzados e na Casa de Europa da USC. A finalidade é ofrecer unha visión ampla do fenómeno transmedia e das novas narrativas que xorden arredor dos conceptos clásicos de adaptación e intermedialidade.

A primeira das sesións, centrada nos novos formatos en videoxogos, cine e literatura, terá un carácter máis práctico e orientado a un publico xeral. Comezará cunha mesa coloquio ás 10.00 horas dedicada a videoxogos e realidade virtual que reunirá a Luis Navarrete Cardero, Mónica Barrientos Bueno, Francisco Javier Martín Collado e Olmo Castrillo Cano, moderados por Antonio J. Gil González. A partir das 12.30 horas está programada unha segunda mesa dedicada a cinema, interacción e transmedia na que intervirán Raúl Díez, David Refoyo e Andrés Rozados moderados por Patricia Val Antelo.

A sesión do venres 20 abordará aspectos teóricos e de fixación de terminoloxía e incluirá unha sesión ás 12.00 horas sobre realidade virtual aberta á experimentación de quen asista. Ademais as distintas mesas poderán visionarse posteriormente en streaming  en USC TV.

Estas xornadas científicas están organizadas polo grupo de investigación ‘Intermedialidade, adaptación e transmedialidade no cómic, o videoxogo e os novos medios’ en colaboración co proxecto ‘ Transescritura, transmedialidade, transficcionalidade: Relacións contemporáneas entre literatura, cine e novos medios, II’ da Universidade de Salamanca e co Grupo de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC.