Saltar ao contido principal
Xornal

O cuarto concurso ‘A ciencia en imaxe’ abre este venres o prazo para a presentación de fotografías

Actualizada: 20-10-2017 10:13
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da convocatoria, aberta ata o 10 de novembro

Este venres 20 abre o prazo de participación á cuarta edición do concurso de fotografía ‘A Ciencia en imaxe’ que organizan as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química xunto coa Real Academia Galega de Ciencias con motivo da celebración da festividade de San Alberte Magno. O concurso está aberto a calquera persoa pertencente á comunidade universitaria da USC que poderá participar con calquera tema relacionado coas ciencias, a investigación e a divulgación científica. A data límite de presentación de traballos será o 10 de novembro.

Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres imaxes dixitalizadas e realizadas con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. A fotografía enviada debe ser orixinal, inédita (non publicada en calquera medio de comunicación, incluídos os dixitais) e non presentada previamente a concursos. A imaxe virá nun ficheiro, acompañado dun título e un breve comentario ou reflexión do autor de entre 5 e 10 liñas que se incluirán na folla de rexistro. Deberá estar en formato ‘jpg’ e ter un tamaño mínimo de 2 MB (a organización recomenda un tamaño máximo de 5 MB). Ningún dos ficheiros enviados debe ter un nome que poda identificar ao participante.

O xurado estará composto por un membro de cada centro organizador, unha representación da Real Academia Galega de Ciencias e unha persoa experta en fotografía. Tamén o integrarán con voz pero sen voto o decano da Facultade de Física, como centro organizador este ano da festividade do patrón, e o secretario deste centro. O xurado decidirá por maioría as fotografías premiadas segundos os criterios de orixinalidade, estética e adecuación ao tema proposto, incluíndo tamén consideracións relativas á conciencia social e á capacidade crítica e comunicativa expresada.

A contía dos premios será de 300 euros para a imaxe gañadora e de 100 euros para as seleccionadas en 2º e 3º lugar. O xurado resérvase o dereito de asignar ata tres mencións de honra.