Saltar ao contido principal
Xornal

A USC recibiu a responsables brasileiros de CONIF para a promoción científica e tecnolóxica

Actualizada: 20-10-2017 14:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O profesor da USC Francisco Omil presentoulle a agrupación estratéxica CRETUS á delegación (Foto: SERVIMAV)

O reitor da USC, Juan Viaño, e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, recibiron este venres en San Xerome o presidente, vicepresidente e reitores de varios institutos federais do Consello Nacional das Institucións da Rede Federal de Educación Profesional, Científica e Tecnolóxica (CONIF).

A xuntanza xurde do interese de diversas universidades brasileiras por coñecer os programas de doutoramento da USC e diversas iniciativas científicas e estudar así posibles vías de colaboración. A este respecto, a delegación brasileira tivo a oportunidade de reunirse tamén co director do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS), Ramón Leis, para avanzar cuestións nesta materia.

CONIF é unha institución brasileira de discusión, proposta e promoción de políticas de desenvolvemento da formación profesional e tecnolóxica, a investigación e a innovación. Esta entidade congrega 38 institutos federais, dous centros federais de educación tecnolóxica e o Colexio Pedro II, que en conxunto representan máis de 600 unidades de educación en todo Brasil.

Hai pouco máis dun ano a USC e este organismo brasileiro asinaron un convenio de colaboración que derivou en varios acordos individuais coas entidades participantes. Precisamente hoxe, aproveitando a súa presenza en Santiago, subscribíronse co Instituto Federal de Educación e Tecnoloxía de Goiás (IFG) e co Federal do Amazonas (IFAM).

CRETUS
Ademais na xuntanza de hoxe, e respondendo a unha petición previa do propio Consello Nacional brasileiro, o profesor da USC Francisco Omil presentou a agrupación estratéxica CRETUS (Cross-Research in Environmental Technologies), constituída en 2015 por 38 docentes e 80 investigadores de 8 grupos de investigación de Universidade compostelá. Participaron tamén nesta reunión varios representantes dos grupos que forman esta rede.

CRETUS naceu para desenvolver e avaliar tecnoloxías ambientais buscando solucións para minimizar impactos e riscos, tratando de recuperar recursos a través de procesos que sexan económica, social e ambientalmente sostibles, baixo una óptica interdisciplinar e holística.

 

Outras imaxes


O reitor Viaño asinando o convenio co reitor da IFG, Jeronimo Rodrigues da Silva (Foto: SERVIMAV)

Sinatura do convenio co reitor do IFAM, Antonio Venancio Castelo Branco (Foto: SERVIMAV)