Saltar ao contido principal
Xornal

O I Simposio Ibérico de Enxeñaría Hortícola abordará en febreiro no Campus Terra da USC o uso de drons e satélites na agricultura

Actualizada: 23-10-2017 12:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe dun dron

O I Simposio Ibérico de Enxeñaría Hortícola, un foro de carácter internacional organizado polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas, abordará do 21 ao 23 de febreiro de 2018 no Campus Terra da USC o uso de drons e satélites na agricultura.

 

O amplo abano de posibilidades que no eido da I+D+i ofrece a aplicación de vehículos aéreos non tripulados e satélites para os produtores agrícolas capitalizará a temática dos relatorios, comunicacións científicas e obradoiros programados no marco dun simposio que xa vai pola súa terceira edición en España e que tamén está aberto ao debate doutras cuestións relativas á enxeñaría hortícola.

 

Daquela, agricultura de precisión, automatización e robotización, sensorización e visión artificial, modelado e simulación, sistemas de axuda á toma de decisións, sistemas de información xeográfica, Apps e aplicacións webs, así como as súas potenciais aplicacións no eido da agricultura, gandería, recursos hídricos, viticultura, mecanización agraria, produción animal e mesmo xestión enerxética, tamén son temas obxecto de debate dun simposio promovido en Lugo polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Javier José Cancela e Xesús Pablo González.

 

Os prazos e inscrición e de presentación de traballos e comunicacións científicas ao I Simposio Ibérico de Enxeñaría Hortícola permanecen abertos. As persoas interesadas en participar neste foro, xa en calidade de público asistente ou ben como relator dunha comunicación científica poden atopar máis información na web do congreso, na que tamén está accesible información relativa a taxas, aceptación de comunicacións...