Saltar ao contido principal
Xornal  »  A USC impartirá un máster en tratamento e protección de datos

A USC impartirá un máster en tratamento e protección de datos

Actualizada: 24-10-2017 13:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Diante da inminente obriga que terán as administracións públicas, institucións, organizacións e empresas de dar cumprimento, a partir de maio de 2018, ao novo Regulamento Europeo en Protección de Datos (RGPD), a USC organiza o primeiro Master sobre esta materia.

A realización  do posgrao habilitará para certificarse profesionalmente como Delegado de Protección de Datos (DPO), unha nova figura contemplada no Regulamento Europeo e que deberá estar nomeada en todas as Administracións Públicas (interna ou externamente) e empresas do sector privado que traten datos especialmente protexidos antes de maio de 2018.

O RGPD describe a necesidade de que o responsable do tratamento de datos aplique medidas técnicas e organizativas apropiadas. En termos prácticos, requírese que as entidades analicen que datos tratan, con que finalidade o fan e que tipo de operacións levan a cabo. A partir dese coñecemento deben determinar de forma explícita a forma en que aplicarán as medidas que o RGPD prevé, asegurándose de que son as axeitadas e de que poden demostralo ante os interesados e as autoridades de supervisión.

O máster, cun cadro docente de recoñecido prestixio, impártese cun formato eminentemente en liña e telemático, o que facilitará o seu seguimento. Contará con tres Master-Class impartidas por responsables de institucións e organismos especializados en protección de datos.

Os detalles do novo posgrao, a impartir entre xaneiro e setembro do vindeiro ano, ofrecéronos este martes na Facultade de Dereito a secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro; o director do Centro de Estudos de Seguridade de la USC (CESEG), José Julio Fernández; a directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira Álvarez; e a directora do mestrado, Luz Mª Ruibal Pereira.