Saltar ao contido principal
Xornal

O Campus Terra da USC analiza os novos desafíos da formación universitaria non presencial nun foro en Humanidades

Javier Bueno, Lara Méndez e Sonsoles López inauguraron as xornadas ‘O desafío do ensino en liña para as universidades tradicionais’, que rematan o venres

Actualizada: 25-10-2017 10:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Lara Méndez, Javier Bueno e Sonsoles López, na apertura das xornadas en Humanidades

A Facultade de Humanidades botou a andar este mércores as I Xornadas Campus Terra sobre Docencia Universitaria non Presencial, nas que distintos relatores abordarán ata o venres 27 de outubro os novos retos aos que se enfronta a educación semipresencial. As xornadas foron inauguradas polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo.

 

Baixo o lema ‘O desafío do ensino en liña para as universidades tradicionais’, as xornadas abranguen distintas conferencias, mesas redondas e obradoiros nos que se afondará na docencia universitaria non presencial, ao abeiro dun programa específico destinado tanto a persoal docente e investigador como a persoal de administración e de servizos dos campus de Lugo e Santiago da USC.

 

A profesora da Universidade de Deusto Sonia Arranz pronunciou a conferencia inaugural destas xornadas nunha intervención que levou por título ‘Retos da formación en liña e semipresencial nas nosas universidades’. A continuación, Víctor Martín García, da Universidade de Salamanca, abordou a ‘Implementación e adopción da metodoloxía Blended Learning na educación universitaria’. A primeira xornada conclúe coas mesas redondas ‘A xestión normativa da docencia semipresencial’ e ‘ Aula virtual e aulas presenciais nos modelos de docencia semipresencial’.

 

A sesión programada para o xoves 26 de outubro constará de dous obradoiros, nos que a xornalista Teresa Blasco Roselló explicará aos asistentes como enfrontarse ao reto de educar a través dunha cámara; mentres que Xosé María Mahou Lago e Mónica López Viso, da Universidade de Vigo, afondarán nas claves da boa coordinación dunha titulación de máster en liña.

 

A derradeira xornada deste foro estará centrada nos MOOCs (Massive Open Online Course). Pedro Pernías Peco, da Universidade de Alacante, pronunciará a conferencia ‘Por   que   fago   MOOC   (e   por   que   ti   tamén   deberías)?’. A subdirectora do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe da USC, Beatriz García Antelo, falará da I  Convocatoria  de  Proxectos  de  Innovación  Educativa en MOOC e de apoio das TIC á docencia realizada durante o pasado curso. As xornadas pecharanse co obradoiro  ‘Aspectos a ter en conta á hora de deseñar un  MOOC’, que será impartido por Elena González de la Cámara Cayuela, de eTIC Factoría de Formación.