Saltar ao contido principal
Xornal

A USC acolle a XII Conferencia de Políticas de Innovación Rexional

Actualizada: 25-10-2017 11:15
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Santiago, mércores 25 de outubro de 2017. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acubillará este xoves 26 e o venres a XII Conferencia de Políticas de Innovación Rexional que organiza o grupo da USC ICEDE- Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento, especializado en economía e políticas estratéxicas de innovación, sistemas rexionais, desigualdades territoriais, crise económica e globalización.

Este encontro internacional, cuxo comité organizador preside o profesor da USC Manuel González López, contará coa participación de destacados especialistas que reflexionarán sobre a innovación en países menos desenvolvidos e relacionada coa sustentabilidade, as universidades, os sectores primarios e tradicionais, o turismo ou a contratación pública.

A conferencia inaugurarase este xoves 26 ás 9.30 horas e a continuación intervirá Dominique Foray, do EPFL Lausanne de Suíza, cun relatorio sobre estratexias de especialización intelixente en rexións menos desenvolvidas. Logo de diversas sesións de comunicacións, a final da mañá falará Roberta Rabellotti, da Universidade italiana di Pavia, sobre o papel das multinacionais no desenvolvemento rexional en Europa. Xa o xoves está prevista a intervención do profesor da Universidade norueguesa de Stavanger Rune Dahl Fitjar sobre os roles das universidades na innovación rexional.