Saltar ao contido principal
Xornal

A Universidade participa cun grupo operativo da Inlac na identificación e cuantificación dos leites empregados nos queixos de ‘mezcla’

Actualizada: 25-10-2017 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Edificio que acubilla as instalacións da Aplta do Campus Terra da USC

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC forma parte do grupo operativo impulsado pola Interprofesional Láctea (Inlac) para a definición do proxecto ‘ Identificación e cuantificación de compoñentes do leite empregados para a fabricación dos queixos de ‘mezcla’. Este grupo operativo, que conta con financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), está integrado por Inlac, Centro Tecnolóxico de Cataluña (Eurocat), Aplta, Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) e a consultora Novadays e Zeulab S.L.

 

O novo grupo operativo promovido pola Inlac xurde logo de advertir a necesidade de identificar e cuantificar os diferentes leites que se empregan para a elaboración dos distintos queixos de ‘ mezcla’ existentes no mercado, xa que non existe ningunha metodoloxía que garanta a cuantificación dos compoñentes debido aos múltiples factores que inciden na fiabilidade dos resultados.

 

Así, despois da realización destes estudos previos e tras obter o financiamento necesario para a súa creación e constitución, o devandito grupo operativo da Inlac está a traballar nesta primeira fase na elaboración das bases teóricas que rexan no futuro o proxectos ou proxectos de I+D acaídos para deseñar metodoloxías e técnicas analíticas axeitadas para identificar e cuantificar os diferentes tipos de leite (vaca, ovella e cabra) utilizados para a elaboración dos denominados queixos de ‘mezcla’.

 

O resultado do traballo que está a realizar nesta primeira fase este grupo operativo da Inlac e no que participa a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, servirá será o paso previo para o desenvolvemento do proxecto en cuestión, un proceso posterior para o que tamén se agarda poder acceder a novas convocatorias de axuda habilitadas polo Mapama ao abeiro do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural.