Saltar ao contido principal
Xornal  »  O investigador do Campus Terra da USC José Luis Gude gaña o primeiro premio da ‘Greenweekend’ co proxecto SmartWood

O investigador do Campus Terra da USC José Luis Gude gaña o primeiro premio da ‘Greenweekend’ co proxecto SmartWood

A ferramenta deseñada polo enxeñeiro lugués ofrece asesoramento aos usuarios para optimizar o rendemento e sacar o máximo proveito posible de parcelas forestais

Actualizada: 26-10-2017 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, José Luis Gude e Siro González, na 'Greenweekend 'celebrada na Coruña

O proxecto de negocio SmartWood, unha ferramenta ou aplicación dixital que ofrece ao usuario asesoramento e axuda para o optimizar o rendemento de parcelas forestais desenvolvida polo enxeñeiro e investigador de doutoramento da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC José Luis Gude Pereira, vén de acadar na Coruña o primeiro premio na ‘Greenweekend’, un evento ou plataforma de emprendemento, promovida polo portal de emprego Enviroo e na que tomaron parte arredor de 30 emprendedores do sector ambiental interesados no desenvolvemento de proxectos que contribúan a dinamizar a chamada economía verde.

 

O proxecto SmartWood, galardoado polo xurado encargado de fallar os premios do ‘Greenwekend’ da Coruña, un espazo que congregou a candidatos, emprendedores e reclutadores do sector ambiental, consiste nunha ferramenta dixital baseada en sistemas de información xeográfica e datos recollidos por drons que axuda a unha planificación forestal máis eficiente e sostible.

 

Esta ferramenta innovadora, que xa mereceu outras distincións en diversos eventos de emprendemento e que experimentou un proceso de maduración no centro Yuzz Lugo, está deseñada para os propietarios de parcelas forestais, segundo indicou José Luis Gude. Este enxeñeiro nado en Castroverde e formado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC explica que esta aplicación dixital contribúe a mellorar o rendemento económico das parcelas forestais a xeito dun asistente interactivo.

 

De feito, SmartWood ofrece recomendacións e información sobre cales son as plantacións máis rendibles para cada parcela, tendo en conta a selección de especie que prefiran empregar os propietarios e sempre en función dos usos legais permitidos no terreo en cuestión. Ademais deste valioso asesoramento, SmartWood completa as súas prestacións coa oferta dun Marketplace que pon en contacto aos produtores coas empresas que prestan os servizos forestais que se precisan para conseguir manter en bo estado a produción da súa parcela.

 

O proxecto SmartWood, xerminado inicialmente por Gude, forma agora parte da StartUp en fase de constitución que está a promover este enxeñeiro en Xeomática e Topografía xunto con Begoña L. Castro e Siro González Rodríguez, dous emprendedores cos que coincidiu na edición do programa Yuzz Lugo deste ano.

 

Outro dos proxectos innovadores nos que está a traballar a StartUp impulsada por estes triunvirato de emprendedores é UrbanDixitalBox, un proxecto de SmartCity pensado para reducir os tempos de busca de prazas de aparcadoiro nas cidades. Esta ferramenta, que ofrece un enfoque diferente da problemática que depara o tráfico rodado nas grandes cidades, permitiría asemade reducir os niveis de polución producidos polos vehículos que se atopan na procura dunha praza de aparcadoiro.