Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría celebra o mércores unha xornada de orientación laboral para estudantes e titulados no centro

A sesión ‘A fórmula cara ao teu emprego: os 4 E’, cuxa inscrición pode facerse de balde na conserxería da EPSE, comezará ás 10.00 horas no salón de actos do centro

Actualizada: 13-11-2017 10:13
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada de orientación laboral programada na EPS de Enxeñaría

O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC acolle este mércores 15 de novembro, a partir das 10.00 horas, a xornada de orientación laboral ‘A Fórmula Cara ao teu Emprego: os 4 "E"’, unha sesión na que se fai referencia aos ‘E’ de EPS, Emprego, Emprendemento e Empresas.

 

A xornada, cuxa inscrición permanece aberta e pode realizarse de balde na conserxería deste centro universitario lugués, abrirase coa intervención da responsable da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, Gloria Cruz, quen pronunciará o relatorio ‘Ferramentas, Recursos e Método para a Busca de Emprego e Prácticas’. A continuación, Patricia González Alonso, da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento falará de experiencias emprendedoras no Campus Terra.

 

Xa en quenda de tarde, terán lugar dúas mesas redondas paralelas, unha dedicada aos eidos vinculados á enxeñaría xeomática e á enxeñaría civil, mentres que a outra estará centrada nos ámbitos agrícola e forestal. En ambas as dúas mesas, intervirán representantes da administración pública, de empresas do sector ou colexios profesionais. Como agasallo, sortearase unha tablet entre todos os asistentes ao acto.