A
xornada de
Recursos educativos en galego coa que colabora a Facultade de Ciencias da Educación chega o 24
de novembro á súa décima edición poñendo o foco nesta ocasión sobre a educación en adultos. Trátase
de reflexionar sobre os recursos en galego de que dispón o corpo docente e motivar para crear
outros novos. O prazo de matrícula, que é de balde, está aberto ata o próximo día 20.
A xornada artéllase arredor da exposición e debate de sete recursos e experiencias educativas
con persoas adultas en lingua galega: o ensino da física mediante procedementos situados, as saídas
de campo no cuarto ciclo universitario (maiores de 65 anos), o ensino da lingua galega a reclusos
do cárcere da Lama, activación da memoria en doentes de Alzéimer, a xestión do coñecemento, o uso
de novas tecnoloxías por persoas con discapacidade intelectual ou a aprendizaxe por proxectos con
persoas adultas con parálise cerebral.
Co encontro búscase que o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación poida tomar
conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de
primeira man cales son os materiais didácticos en galego dos que poderá dispoñer no seu futuro
profesional. Así mesmo, persegue fornecer aos futuros profesionais de estratexias e criterios que
lles permitan non só coñecer e empregar os recursos existentes senón adaptalos e reelaboralos para
atender ás diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes
centros de Galicia.
As xornadas de recursos educativos en galego están organizadas pola Comisión de Normalización
Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística
e a achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.