Saltar ao contido principal
Xornal  »  Un foro trata no Campus Terra da USC os beneficios que reporta para o ecosistema o pastoreo do gando vacún de leite

Un foro trata no Campus Terra da USC os beneficios que reporta para o ecosistema o pastoreo do gando vacún de leite

Investigadores de Holanda, Francia e Irlanda defenden na EPSE o pastoreo como unha alternativa sustentable de produción que responde á crecente concienciación social

Actualizada: 14-11-2017 14:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Asistentes ás xornadas 'Vacún de leite e pastoreo', na EPSE de Enxeñaría da USC

As vantaxes que reportan as técnicas de pastoreo en aras a mellorar a sustentabilidade do ambiental, así como a rendibilidade e a produción do gando vacún de leite centrou a temática das xornadas ‘Vacún de leite e pastoreo’, un foro técnico organizado este martes polo Campus Terra da USC que congregou máis dun centenar de produtores, técnicos e profesionais dos sector agrogandeiro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

 

O obxectivo desta xornada, concibida como foro técnico e de debate orientado a estudar alternativas á actual crise de prezos que afecta ao sector leiteiro especialmente aos produtores e gandeiros de Galicia, encaixa coas premisas do Campus Terra da USC, cuxo obxecto non é outro que o de traballar a prol da sustentabilidade de económica, social, ambiental, territorial... de todos os elementos que xiran arredor da terra, segundo indicou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, na inauguración deste foro, un acto no que tamén participaron o profesor Francisco Sineiro e o deputado provincial Eduardo Vidal Baamonde, quen remarcou o importante cometido que desenvolven os traballadores do sector agrogandeiro no que atinxe á conservación e protección e posta en valor da terra e do territorio.

 

Francisco Sineiro abriu a quenda de relatorios cunha intervención na que contextualizou a situación pola que atravesan os produtores de leite en Galicia trala supresión do sistema de cotas. De seguido, Agnes Van del Pol, da Universidade de Wageningen, Cristophe Perrot, do Institute de L’e levage (Francia) e Bernardette O’Brien (Irlanda), presentaron ante o auditorio reunido no salón de actos da EPSE os resultados dos diferentes proxectos e experiencias de pastoreo de vacún de leite desenvolvidos nos seus respectivos países.

 

Estes tres relatores internacionais, que logo participaron nunha mesa redonda guiada por Francisco Sineiro, puxeron de manifesto que as técnicas de pastoreo responden a unha metodoloxía de produción perfectamente viable, xa que reduce sensiblemente os custes, ao tempo que reporta múltiples beneficios para o ecosistema. Sinalaron asemade a crecente concienciación social respecto dos sistemas de produción sustentables e fixeron especial fincapé na progresiva ampliación do número de consumidores que se decantan por artigos e produtos que deparen beneficios ecosistémicos.

 

As xornadas ‘Vacún de leite e pastoreo’ continuaron en quenda de tarde con exposicións a cargo de investigadores e técnicos do Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo, dependente da Xunta de Galicia, e do Ligal. Así, Gonzalo Flores e Roberto Lorenzana afondaron nas súas intervencións sobre os sistemas de produción e a calidade do leite vacún en Galicia. Un relatorio do técnico especializado en pastos Xan Pouliquen sobre as posibilidades e o nivel de rendibilidade que ofrecen as técnicas de pastoreo en Galicia, e un coloquio con produtores chegados dos concellos de Zas (A Coruña) e A Pastoriza (Lugo) serviu de colofón desta sesión.

 

Outras imaxes


Eduardo Vidal, Javier Bueno e Francisco Sineiro, na apertura das xornadas