Saltar ao contido principal
Xornal

Arredor de 400 estudantes de secundaria e bacharelato participaran en ‘Stat Wars: o espertar dos datos’

É unha iniciativa que difunde entre o alumnado de Secundaria e Bacharelato o valor da estatística como profesión de futuro e como ferramenta para solucionar problemas de actualidade

Actualizada: 16-11-2017 11:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da xornada deste venres en Compostela

Arredor de 400 estudantes de ensino secundario e bacharelato de distintos puntos da xeografía galega aprenderán este venres 17 como a estatística pode axudar a combater apidemias, estimar os índices de audiencias ou axudar a determinar as posibilidades de gañar a lotería no próximo sorteo de Nadal. Estas son algunhas curiosidades que terán a oportunidade de descubrir na xornada ‘Stat Wars: o espertar dos datos’, un evento que se vai celebrar no Teatro Principal de Santiago ás 11.00 horas presentado por Manuel Vicente García, condutor do programa Efervescencia da Radio Galega.

Stat Wars é unha iniciativa divulgativa que pretende transmitir a idea de que, ademais dunha profesión de futuro, a estatística pode ser unha ferramenta imprescindible en distintas disciplinas (medicina, economía, medio ambiente, xornalismo, ...) para resolver situacións e problemáticas ás que hoxe en día se enfronta á sociedade. O proxecto lidérao o grupo interdisciplinar de Bioestatística da USC (GRIDECMB) que dirixe a profesora Carmen Cadarso Suárez en coordinación coa Universidade Carlos III de Madrid. O equipo deseñou unha serie de actividades co formato de pílulas estatísticas a través das que poderán ver aplicacións directas da estatística en disciplinas actuais como os deportes, as redes sociais e o Big Data. Tamén participarán nos concursos ‘Lo sabe, no lo sabe’ e ‘Si ou Non’ cos seus correspondentes premios.

A iniciativa dispón do co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e a colaboración da empresa Biostatech Sl, do Concello de Santiago, do programa Efervescencia da Radio Galega, do centro educativo En Clave Método Suzuki e do Espazo de Danza da USC. Ademais é unha actividade que se realiza noutros puntos da xeografía española a través dos distintos Nodos da Rede Nacional de Bioestatística (BIOSTATNET).

Para resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar cos organizadores a través do correo electrónico proyecto.statwars@usc.es ou no teléfono 881.812.283. Tamén é posible atopar máis información en redes sociais, nomeadamente en Facebook  e  Twitter .