Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e Gradiant asinan un acordo marco de cooperación científica e tecnolóxica

Actualizada: 21-11-2017 09:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Juan Viaño e Luís Pérez saúdanse logo da sinatura protocolaria do acordo. Foto: Servimav-USC

O reitor da USC, Juan M. Viaño Rey, e o director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire, asinaron este luns 20 un acordo marco de cooperación científico-tecnolóxica para promover o desenvolvemento conxunto de iniciativas de I+D no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Este acordo marco “é un instrumento de cobertura que facilitará e regulará as diversas actividades previstas: actividades de promoción e difusión, realización de teses ou desenvolvemento conxunto de proxectos” especificou o reitor logo da sinatura protocolaria. Neste senso, Viaño destacou que Gradiant “é un socio estratéxico no ámbito TIC que presta un apoio necesario para desenvolver a misión docente e investigadora e de innovación que a sociedade demanda”.

Pola súa banda, en palabras de Luís Pérez Freire “este acordo nace coa filosofía de aliñar capacidades de axentes do ecosistema galego de I+D, para facilitar a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial en sectores estratéxicos para Galicia, e enmárcase dentro dunha liña de intensificación da colaboración de Gradiant con grupos de investigación punteiros en Galicia”. O acordo, engadiu, “permítenos cumprir mellor cos nosos fins fundacionais” e sobre todo facer tecnoloxía competitiva internacionalmente, un obxectivo que demanda talento, porque “ser os mellores require talento”, e nesa aspiración o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) “permítenos contar con talento galego e, sobre todo, materializalo en tecnoloxía tanxible que chega ao mercado”. Segundo Pérez Freire, o CiTIUS “é un centro punteiro e o mellor socio con que podemos contar”.

No acto, que tivo lugar no Colexio de San Xerome, participou tamén Paulo Félix Lamas, director do CiTIUS, a través do cal se materializará o traballo co centro vigués, así como o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Míguez, e os integrantes do padroado de Gradiant José L. González Carnero e José L. Albo.

Investigación e colaboración
A firma deste acordo facilitará o traballo conxunto no desenvolvemento de proxectos de I+D, favorecendo a transferencia dos resultados obtidos ao sector industrial, mediante a organización de xornadas técnicas ou o acceso a demostradores tecnolóxicos e probas de concepto. Outro dos aspectos máis destacables do acordo é a dirección conxunta de teses doutorais e as estancias de investigación dos profesionais de ambas entidades, permitindo o intercambio de coñecemento  e a xeración de valor en tecnoloxías crave dentro do ámbito das TIC, nun contexto global de dixitalización da industria e a economía.

“Esperamos que este acordo contribúa a dotar de maior proxección no tecido socioeconómico os nosos resultados científicos”, afirma Paulo Félix. Para o director do centro de investigación da USC, “o obxectivo é que Gradiant e o CiTIUS compleméntense para converter en tecnoloxía tanxible algúns resultados científicos que xa demostraron ser os mellores a nivel mundial, pero aos que aínda lles falta o último elo da cadea tecnolóxica para converterse en aplicacións reais”.

Tecnoloxía ‘made in Galicia’
Ao amparo deste mesmo acordo, a USC e Gradiant iniciarán nos próximos días un proxecto de investigación centrado en tecnoloxías de vídeo-analítica para o desenvolvemento de algoritmos de detección de obxectos en vídeo a moi longa distancia (por tanto, cun tamaño de moi poucos píxeles) utilizando técnicas de redes neurais profundas, que nos últimos anos revolucionaron o mundo da visión artificial.

Actualmente, existe unha demanda crecente para o desenvolvemento de tecnoloxía para o sector da seguridade, tanto por parte dos integradores destas solucións como polas empresas e usuarios finais. Grazas aos desenvolvementos que se realizarán no marco deste acordo, será posible ampliar as capacidades dos actuais sistemas de videovixilancia intelixente, para poder abordar aplicacións como a detección temperá de ataques con dróns, as operacións de procura e rescate no mar ou a monitoraxe do tráfico marítimo dende UAVs.

Sobre Gradiant
Gradiant é unha fundación privada sen ánimo de lucro que ten como obxectivo mellorar a competitividade das empresas mediante a transferencia de coñecemento  e tecnoloxías nos ámbitos da conectividade, intelixencia e seguridade. Con máis de cen profesionais e once patentes rexistradas, Gradiant desenvolveu 249 proxectos diferentes de I+D+i, converténdose nun dos principais motores da innovación en Galicia. A súa facturación en 2016 alcanzou os 4,4 millóns de euros e prevé superar os 5,3 millóns en 2017.

CiTIUS
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) é un dos tres centros singulares de investigación de Campus Vida, o Campus de Excelencia Internacional da USC. Actualmente conta con 32 investigadores sénior e un cadro de persoal de máis de 100 persoas, incluíndo 15 investigadores posdoutorais e máis de 50 predoutorais en etapa de tese. Entre 2014 e 2016 o centro acumulou máis de 200 artigos en publicacións indexadas e un total de 23 teses de doutoramento defendidas, captando máis de 4,5 millóns de euros en fondos de I+D. Ademais, os investigadores do centro fundaron as spin-offs 'Situm' e 'Imagames' no mesmo período.

 

Outras imaxes


Ao acto celebrado en San Xerome acudiu unha nutrida representación de Gradiant e do CiTIUS. Foto: Servimav-USC