Saltar ao contido principal
Xornal

O XVI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC reparte 11.000 euros entre as seis propostas premiadas

Actualizada: 22-11-2017 14:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Representantes das propostas premiadas xunto coas autoridades participantes no acto de entrega. Foto: Servimav-USC

HGBeyond Materials Science acadou o premio Empresa EBT da USC na décimo sexta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, unha convocatoria coa que a institución compostelá busca impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por universitarios/as, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. O resto dos premiados foron Biorecovery e Pharmatox-Lab na categoría de mellores proxectos empresariais EBT; E-Wear Technologies na de mellor proxecto empresarial Start-Up; AYeconomics Research Centre, premio Muller Emprendedora; e Coeduca Consultora de Coeducación, na categoría de promoción da Lingua galega.

Na valoración dos 18 proxectos presentados ao concurso –cun 52% de promotoras-, o xurado puxo especial atención en aspectos como a viabilidade, grao de innovación, volume de emprego proxectado, multidisciplinariedade do equipo promotor, fomento da igualdade ou relación coa lingua galega. A vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, presidiu o acto de entrega no que tamén participaron as subdirectora xerais Promoción da Igualdade e de Promoción Científica e Tecnolóxica, Pilar García-Rodeja Gayoso e Mª Jesús Tallón Nieto, respectivamente; o director da área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Norberto Penedo Rey; e a técnica da Área de Dinamización do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Empresa EBT
Dotado con 2.000 euros, o premio destinado a empresas coa cualificación de Empresa de Base Tecnolóxica (EBT) da USC recaeu en HGBeyond Materials Science, spin-off que centra a súa actividade na ciencia de materiais, especializada en tecnoloxía de hidroxeles. Constituíuse en xuño de 2015 como Lentimed Medical Devices s.l., nome que cambiou no 2017 ao incrementar a súa proxección internacional e o seu ámbito de actividade. Na actualidade HGBeyond deseña e desenvolve novos materiais para lentes de contacto de alto valor engadido, que sirvan como correctores de visión máis confortábeis e como plataformas de cesión sostida de sustancias activas. O seu obxectivo principal será a explotación das primeiras lentes medicadas do mundo.

A actividade empresarial desta spin-off aséntase sobre unha das liñas de investigación do Grupo I+D Farma da USC, que ten unha importante actividade científica, sendo un referente no seu campo de traballo. Esta é unha sociedade que promoven Carmen Álvarez Lorenzo, Ángel Concheiro Nine e Paloma Cabello Esteban.

Proxectos EBT
Na categoría de proxectos EBT outorgaranse idénticos premios de 2.000 euros a Biorecovery e Pharmatox-Lab. No primeiro caso o proxecto propón unha empresa enfocada á reciclaxe e valorización de subprodutos das industrias agroalimentarias. A curto plazo o seu obxectivo é a transformación de sangue dos matadoiros, que constitúe un residuo perigoso, en fariña de sangue, un composto inocuo con aplicación na elaboración de fertilizantes para agricultura, tanto convencional como ecolóxica.

As proxeccións da empresa a medio prazo abranguen un máis amplo abano de produtos, con especial fincapé na elaboración de formulados para pensos de alimentación animal. Biorecovery conta coa colaboración dunha empresa catalá, que xa está a promocionar algúns dos seus produtos entre os matadoiros de toda España. Promoven este proxecto Abraham Rivera Peña, Hiram Varela Rodríguez, José Manuel Magide Ameijide, Adrián Rodríguez Chantres e Juan José Redondo Floriano.

No caso de Pharmatox-Lab, o proxecto baséase na oferta de análises toxicolóxicas específicas non cubertas actualmente polos laboratorios existentes no mercado. Estas análises inclúen a determinación de drogas e fármacos nas mostras biolóxicas clásicas como son sangue ou ouriños, pero tamén en mostras alternativas, que proporcionan solucións a problemas non resoltos coa análise das mostras clásicas (detección do consumo nos meses previos a toma da mostra como o cabelo, obtención de mostras non cruentas que non requiren persoal médico especializado como a saliva, ou identificación da exposición fetal a drogas como o meconio).

Ademais, inclúese a oferta de metodoloxías “a medida” segundo as necesidades do mercado ao que van dirixidas. Os servizos se ofertan a distintos sectores, sendo os máis importantes o ámbito da seguridade vial, a seguridade laboral, hospitais, empresas farmacéuticas e particulares. Os seus promotores son Ana de Castro Ríos, Salvador Blanco Turnes, Elena Lendoiro Belío, Angelines Cruz Landeira e Manuel López-Rivadulla.

Proxecto Empresarial Start-Up
A partir dunha motivación persoal de dous dos seus co fundadores, con persoas enfermas de Alzheimer no seu fogar, xorde E-Wear Technologies que pretende axudar ao hipotético usuario proporcionando seguridade e independencia a persoas maiores dependentes e que foi recoñecida co premio ao mellor proxecto empresarial Start-Up e unha premio metálico de 2.000 euros. O proxecto aspira a levar ao mercado un reloxo asistente para persoas maiores, que envía alarmas de cando teñen que tomar a medicación e permite avisar á familia ou servizos de emerxencias en caso de necesidade.

O reloxo ten unha tarxeta SIM que lle permite facer e recibir chamadas e enviar mensaxes de aviso. Á súa vez, a familia ten unha aplicación para o móbil que permite monitorizar ao usuario do reloxo, sabendo en todo momento se toma a medicación ou se sufriu algunha caída. Son os seus promotores Ángel Rodríguez Cerdeira, Carlos García Campos e María Luz Mosteiro del Pilar.

Muller Emprendedora
AYeconomics Research Centre, premio na modalidade ‘Muller Emprendedora’ dotado con 2.000 euros, é unha spin-off especializada en investigación de calidade e recomendación de políticas derivadas da mesma en temas socioeconómicos. Conta con metodoloxías innovadoras que permite realizar análises de impacto con escaseza de información (PATH-RAS) e análises espaciais (EVAL-SET). Ademais do mercado galego, ten como mercado obxectivo o de Asia Central onde xa ten un acordo co Banco Central de Tajiquistán no desenvolvemento dun proxecto para o deseño de políticas que incrementen o emprego feminino no rural.

Tamén conta acordos con universidades de Kazajistán para a solicitude conxunta de proxectos onde se aplicará o PATH-RAS. Recentemente, a produción de AYeconomics recibiu dous premios aos mellores artigos de investigación nun conferencia realizada polo Banco central de Indonesia. O equipo de promotores confórmano Aizhan Samambayeva, Yolanda Pena Boquete, Melchor Fernández Fernández e Manuel Fernández Grela.

Promoción da lingua galega
A proposta gañadora, cunha dotación de 1.000 euros, é Coeduca, a primeira entidade especializada en coeducación de España que implanta plans de igualdade con metodoloxía finlandesa para centros escolares, administracións públicas e entidades que queiran promover unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes. O proxecto social nace coa intención de previr a violencia de xénero dende a educación en igualdade e co obxectivo de implantar a primeira rede de centros co educativos de Galicia e a primeira de España da formación profesional.

Coeduca, premiada cos Idea Lugo 2016 á innovación e ao emprendemento e finalista do Yuzz Mujer 2017, executou o primeiro Plan de Igualdade de centro con metodoloxía finlandesa da historia de Galicia e o primeiro de España da formación profesional. Nestes momentos a entidade de coeducación implanta o programa Relaciona do Instituto da Muller en Galicia para formar ao profesorado en Igualdade e implanta os primeiros plans de igualdade para centros escolares. En 2018 ten previsto executar os primeiros Plans de Igualdade con metodoloxía finlandesa para concellos, creará as primeiras escolas infantís coeducativas e participará no programa Edumotiva da Xunta de Galicia. Esta é unha proposta de María del Pilar, Cecilia e Sandra Porral Iglesias.

Os proxectos gañadores terán acceso gratuíto á incubadora do edificio Emprendia durante seis meses, contados a partir da data de constitución da empresa. Ademais, a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) facilitará aos distintos proxectos e empresas gañadoras reunións de contacto coas entidades inversoras Unirisco e Xesgalicia. No caso das empresas gañadoras poderán participar nos fondos de inversión organizados por IGAPE e Xesgalicia.