Saltar ao contido principal
Xornal

O especialista en transmedia Lance Weiler, no foro ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades’

Actualizada: 28-11-2017 12:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

No marco das actividades do Foro ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades’, o Centro de Estudos Avanzados acolle este mércores unha conferencia do director do Digital Storytelling Lab da Universidade de Columbia e figura internacional no eido da narrativa transmedia, Lance Weiler.

‘Digital storytelling: how to process literary contemporary texts and technology into collaborative creative experiences’ é o título da súa intervención, que pronunciará ás 19.30 horas e que se poderá seguir en directo por http://tv.usc.es/directo2.html .

Lance Weiler é unha das principais referencias no ámbito do cinema dixital e da innovación en formas do relato con mediacións tecnolóxicas ligadas a internet e procedementos dixitais e colaborativos. Ao longo da súa carreira no mundo do cinema colaborou con directores de fotografía como Conrad Hall, Darius Khondji e Harris Savides.


Así mesmo, participou en varios proxectos de carácter transmedial, con recurso á Intelixencia Artificial, a formas de realidade virtual ou aumentada e á denominada Internet das cousas (Internet of Things) con directores da proxección de David Cronenberg, Gore Verbinski, Marshall Herskovitz e Ed Zwicker.

Destaca tamén na súa traxectoria o labor como consultor e asesor en distintas iniciativas de foros e entidades como o Sundance Institute, o Tribeca Film Institute, PBS, Power to the Pixel, Screen Australia, o Festival de Cinema de Berlín, o National Film Board de Canada e o National Endowment for the Humanities de Estados Unidos.

Entre os seus últimos proxectos, que experimentan con modalidades de narración tecnolóxicamente innovadoras, merecen especial mención Sherlock Holmes & the Internet of Things e Frankenstein AI: a monster made of many.