Saltar ao contido principal
Xornal  »  Regueifas de Ciencia pecha a tempada cun debate sobre edición xenética en humanos

Regueifas de Ciencia pecha a tempada cun debate sobre edición xenética en humanos

Actualizada: 05-12-2017 11:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

‘Debemos permitir a modificación xenética en embrións humanos?’ é a pregunta de partida da derradeira Regueifa de Ciencia da tempada que terá lugar o 14 de decembro ás 20:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.


Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela que está financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Economía y Competitividad e que na súa primeira edición reuniu preto de 1.500 persoas.

Dende que os científicos aprenderon a manexar as ferramentas CRISPR e cortar e pegar anacos de material xenético en calquera célula puidéronse modificar con maior seguridade plantas e animais, facer investigación básica xerando modelos de enfermidades que ata o de agora non se podían estudar ou desenvolver novos fármacos. Mais a aplicación ‘estrela’ desta técnica atópase no eido da terapia xénica xa que abre un novo horizonte para curar enfermidades, pero non sen críticas polas súas futuras implicacións científicas e cuestións éticas.

No debate do día 14 enfrontaranse catro especialistas de primeira orde. Defendendo a modificación xenética en humanos estarán a directora do Banco de Liñas Celulares do Centro de Medicina Rexenerativa de Barcelona, Anna Veiga, e a directora científica do Grupo Eugin, unha rede internacional de centros para o tratamento da infertilidade humana, Rita Vassena. O equipo de detractores componse de Lluís Montoliu, investigador no Centro Nacional de Biotecnoloxía de CSIC que traballou toda a súa vida profesional con organismos modificados xeneticamente, e o catedrático de Microbioloxía da Universidade Complutense de Madrid e membro de numerosos comités de bioetica, César Nombela.

Todos participan
‘Regueifas de Ciencia’ consiste en diversos debates tipo Oxford (con moderador, quendas de palabra cronometrados, estrutura por bloques…) sobre cuestións polémicas baseadas na ciencia. Os transxénicos, o cambio de fuso horario en España, a experimentación científica en animais, a busca da inmortalidade ou a compatibilidade entre ciencia e fe foron algúns dos temas de anteriores citas.

Para comprobar a capacidade persuasiva deste tipo de acción dialécticas, á entrada da sala pregúntaselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema, que será confrontada xusto ao remate da sesión.

O equipo que organiza estes debates, que se retransmiten en directo dende a facultade, comezou xa a preparar o terreo da regueifa animando a un debate previo a través das súas contas en Facebook e Twitter (@regueifaciencia).