Saltar ao contido principal
Xornal  »  Para mellorar a xestión turística de Compostela, investigadores de Ciencias Económicas propoñen aumentar as pernoctas de turistas e excursionistas

Para mellorar a xestión turística de Compostela, investigadores de Ciencias Económicas propoñen aumentar as pernoctas de turistas e excursionistas

Nun estudo sobre o turismo da cidade, diferenciaron a presenza en Santiago de excursionistas e turistas achegando propostas para mellorar o seu impacto na economía

Actualizada: 07-12-2017 10:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Vista xeral da praza do Obradoiro dende o Colexio de San Xerome

Aproximadamente o 33% dos/as visitantes que chegan a Santiago son excursionistas, persoas que permanecen unha media de entre 6 e 7 horas na cidade sen facer noite. O 66% por cento restante, os considerados turistas, rexistran unha estadía media de arredor de 2,5 noites. Os profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Xosé Antón Rodríguez, Fidel Martínez-Roget e Pilar González-Murías recollen estes datos nun traballo publicado na revista Annals of Turism Research sobre a duración das estadías dos visitantes que chegan a Santiago ao tempo que fan unha serie de recomendacións para unha planificación turística efectiva e medio e longo prazo.

Dentro desta dualidade entre excursionistas e turistas, a investigación identifica tres perfís específicos de visitantes de Compostela: visitantes de menos dun día, turistas de curta estancia e os/as de estadías relativamente máis longas. Os resultados “suxiren que no primeiro caso son persoas novas ou xubiladas que viaxan por ocio maioritariamente, en grupos organizados por terceiros e cuxo destino principal non é a cidade”. O turista de curta estancia visita Santiago “principalmente con fins relixiosos ou de peregrinación, organizou a viaxe de xeito independente, non está xubilado e ten un nivel de educación medio-alto”. Finalmente, o terceiro colectivo identificado “viaxa a Santiago principalmente por motivos de negocios ou congresos e ten a cidade como principal destino da viaxe, elixe o transporte público, é probable que proceda do exterior da Península Ibérica e a súa decisión, a miúdo está influenciada polo atractivo e a promoción do destino”, explican os investigadores.

Á vista destes perfís e coa finalidade de aproveitar “todo el potencial de Santiago de Compostela como destino turístico” o equipo responsable do traballo apunta que “a industria e os responsables políticos deben ter en conta que o obxectivo estratéxico da cidade debe ser dobre: alentar aos excursionistas a quedarse polo menos unha noite e aumentar a estadía media dos turistas”.

Entre outras propostas, os autores do traballo suxiren que “para continuar mellorando o atractivo xeral da cidade é necesario aumentar a relación calidade-prezo dos servizos dispoñibles”. Para logralo, os investigadores consideran necesario proporcionar aos/ás traballadores/as do sector capacitación en idiomas, xestión ambiental, innovación ou novas técnicas de venta, entre outros. A investigación tamén lembra que “a promoción efectiva require o uso de novas tecnoloxías e accións coordinadas de promoción en tres niveis: entre os diversos axentes públicos, entre os compoñentes do sector privado, e entre axentes públicos e privados”.

Propostas por colectivos
Os investigadores deducen dous efectos importantes para a cidade derivados da diferenza de permanencia de excursionistas e turistas. En termos de gasto “un só turista equivale aproximadamente a cinco excursionistas e estes últimos ocasionan relativamente máis impactos negativos que os primeiros”. Tanto para conseguir que os excursionistas durman polo menos unha noite como para ampliar a estadía media dos turistas a investigación céntrase nas particularidades de cada colectivo. No dos excursionistas, xente nova e persoas xubiladas, a investigación sinala a inexistencia de programas específicos dirixidos a estes grupos. Exemplos de medidas dirixidas a estes visitantes son, no caso dos máis novos, “a organización de actividades e eventos como concertos, festivais de música e series de teatro e, para os visitantes de máis idade, mercados e actividades relacionadas coa cultura, cociña e produtos tradicionais de Santiago e Galicia”.

Como propostas para aumentar a estadía media, o equipo de Ciencias Económicas propón o fortalecemento do turismo internacional, fomentar o turismo de negocios e congresos ou promover o emprazamento xeográfico de Santiago no centro de Galicia como base para desprazamento para outras atracción turísticas da comunidade. Completando o conxunto, o traballo considera igualmente esencial fortalecer as liñas estables de transporte público e, en particular, a conectividade do aeroporto compostelán.

Metodoloxía novidosa
As propostas deste equipo acaban de facerse públicas na revista Annals of Turism Research, unha das publicacións máis importantes a nivel mundial nos estudos de turismo. Para o establecemento de estratexias de política turística que posibiliten o obxectivo proposto, o equipo de Ciencias Económicas utilizou os modelos de selección de Heckman. Como explica Xosé Antón Rodríguez esta metodoloxía é “moi habitual noutros campos da economía pero é a primeira vez que se utiliza no ámbito da análise da duración das estadías turísticas”.

Os modelos de selección resultan “especialmente útiles” porque permiten determinar os factores significativos que condicionan o feito de que un visitante sexa excursionista ou turista, “polo que, son susceptibles de ser utilizados en todos os destinos turísticos nos que a presenza de excursionistas sexa significativa”, explican os investigadores.