Saltar ao contido principal
Xornal  »  O proxecto ‘Hostalería circular’ do grupo SEPA-interea gaña un dos premios do Concurso de Ideas e Procesos Colaborativos Innovadores para o Emprego

O proxecto ‘Hostalería circular’ do grupo SEPA-interea gaña un dos premios do Concurso de Ideas e Procesos Colaborativos Innovadores para o Emprego

Actualizada: 07-12-2017 11:03
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA-interea) acaba de gañar un dos premios da segunda edición do Concurso de Ideas e Procesos Colaborativos Innovadores para o Emprego (INDEA) promovido pola Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela.

O proxecto de SEPA-interea premiado foi ‘Hostalería circular’ do que a Comisión avaliadora destacou “os aspectos innovadores, a incidencia no municipio e no tecido social, así como o seu interese para atopar unha solución na xeración de emprego”. O desenvolvemento da proposta contou co asesoramento e achegas da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e a participación do profesorado e persoal investigador Miguel Pardellas, José Antonio Caride, Pablo Meira, Rita Gradaílle, Belén Caballo e Lucía Iglesias.

A finalidade desta convocatoria competitiva é xerar procesos colaborativos que promovan o diálogo entre a cidadanía, os axentes económicos e sociais e a comunidade educativa, en especial a Universidade e a formación profesional. Así, búscase desenvolver dinámicas horizontais de traballo mediante o intercambio de saberes e recursos, propoñendo procesos e ideas innovadoras para a busca de solucións que incidan na xeración do emprego.

Neste sentido, e de acordo co informe do Comité de Avaliación Externa do concurso premiáronse as ideas que achegan solucións a problemas ambientais que favorecesen a economía circular e que incidisen na mellora da concienciación, sensibilización e participación dos veciños e veciñas nas accións locais. O eixo vertebrador dos proxectos é o traballo colaborativo e a bidireccionalidade entre a Universidade/Centro FP e o tecido social e as organizacións económicas.