Saltar ao contido principal
Xornal  »  O III Concurso de Relatos curtos ilustrados do Museo de Historia Natural está dedicado aos riscos naturais

O III Concurso de Relatos curtos ilustrados do Museo de Historia Natural está dedicado aos riscos naturais

Esta é unha iniciativa da Asociación de Amigos do Museo

Actualizada: 07-12-2017 11:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do concurso

‘Riscos naturais: danos que pode causar a natureza’ é o tema sobre o que xirarán as propostas que se presenten á terceira edición do concurso de relatos curtos ilustrados da Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC. Cada concursante poderá elixir libremente a temática no contexto do danos que pode causar a natureza, terremotos, inundacións, movementos de terras, erupcións volcánicas, acumulacións de gases,...

As propostas poden presentarse na modalidade individual ou colectiva. No primeiro caso existen catro categorías en función das idades: de 5 a 8 anos, de 9 a 13, de 14 a 17 e de 18 ou máis anos. No caso dos participantes colectivos, estarán constituídos en grupos cun representante maio de idade. Segundo a idade da maioría dos membros do grupo establécense as mesmas categorías de idades da modalidade individual.

Os relatos deberán presentarse nun folio tamaño A4 para participantes individuais, e en A2 para os colectivos, por unha cara incluíndo texto e ilustracións, podendo entregarse en papel ou en formato dixital. O texto deberá ser breve, escrito a man ou a ordenador, neste último caso en ‘ Times new roman’ 12 ou noutra letra de tamaño similar. As ilustracións deberán ser orixinais e poderán ser debuxos ou fotografías.

Poderán presentarse os traballo ata o 19 de xaneiro de 2018 tanto na recepción do Museo de Historia Natural da USC (parque de Vista Alegre s/n, 15782 Santiago de Compostela), como por correo electrónico no enderezo comunicacion.museohistorianatural@usc.es, facendo constar no asunto ‘III Concurso de Nadal AAMHN'.

Premios
Os/as gañadores/as, un por categoría, recibirán unha tablet (individual) e un trofeo e material educativo sobre a temática do concurso (colectiva). Como apoio para o concurso, pode resultar ilustrativa a visita á exposición temporal e de entrada libre ‘Riscos xeolóxicos: danos que pode causar a natureza’.

Outras actividades
Finalizado este concurso, a Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC convocará outro sobre fotografía da natureza, de participación libre, remunerado economicamente con 300, 200 e 100 euros. Ademais, os 30 mellores traballos formarán parte dunha exposición temporal exposta no Museo de Historia Natural e que terá carácter itinerante. As persoas interesadas en acadar máis información sobre a Asociación poden consultar a súa web.