Saltar ao contido principal
Xornal

O programa radiofónico Efervesciencia rematou o ano con máis de 50.000 descargas e escoitas en liña

Actualizada: 08-01-2018 11:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O programa radiofónico Efervesciencia acadou en 2017 máis de 52.000 descargas e escoitas a través da plataforma Ivoox, unha das moitas aplicacións de podcast dende a que se pode acceder a todas as emisións. Efervesciencia, con dez anos de emisión na Radio Galega, é un dos mais veteranos programas de divulgación científica da grella das radios en España.

O programa está producido pola USC e emítese todos os domingos ás 15.00 horas grazas ao financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Ao longo do pasado ano emitíronse 42 programas novos, ademais de 12 reemisións en verán. Entre eles destaca a gala do décimo aniversario que tivo lugar o 30 de setembro no Teatro Principal de Compostela e na que interveu unha nutrida representación dos mais de mil investigadores que pasaron polos seus micrófonos, como Ángel Carracedo, José Edelstein, Minia Manteiga, Ana Ulla ou Fernando Aguado.

Outros momentos a destacar de 2017 foron a gala ‘Stat Wars: O espertar dos datos’ na que participaron 400 nenos e nenas de toda Galicia nun evento de divulgación da estatística organizado polo grupo interdisciplinar de Bioestatística da USC con financiamento da FECYT ou a ‘Noite Efervescente’ de observación inclusiva do ceo no Náutico de Castrelo.