Saltar ao contido principal
Xornal

Unha física da USC, premiada pola RAGC por un traballo de fabricación de arterias artificiais para estudar doenzas

Actualizada: 11-01-2018 11:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

María Aymerich nun laboratorio da USC. Foto: RAGC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de recoñecer de maneira unánime co XXVI Premio Ernesto Viéitez a investigadores mozos a María Aymerich, do Departamento de Física Aplicada da USC. A academia recoñece o seu método de fabricación rápido e económico de dispositivos que simulan vasos sanguíneos para o estudo in vitro de patoloxías cardiovasculares ou tumorais.

A física da USC propón fabricar modelos artificiais de arterias capaces de replicar a estrutura dos vasos reais para realizar experimentos que permitan observar o seu comportamento nas condicións propias das doenzas coronarias e dos cancros asociados á circulación de células tumorais no torrente sanguíneo. Este avance pode contribuír de maneira decisiva a comprender os factores que favorecen estas enfermidades, que son as principais causas de mortalidade no mundo, e facilitar así tanto a súa prevención como o seu tratamento.

O dispositivo deseñado por Aymerich está fabricado en vidro utilizando tecnoloxía láser. A súa textura é rugosa para facilitar a adherencia das células –obtidas de cordóns umbilicais doados­– ás paredes do vaso artificial, de maneira que non se desprendan durante os bioensaios. Ten ademais a vantaxe de permitir a simulación de arterias máis grandes das abordadas ata o momento, como as bifurcacións coronarias, e mesmo de reproducir modelos personalizados, algo inédito ata agora.

Premio de Investigación 2017
O traballo científico distinguido co Premio Ernesto Viéitez de Investigación 2017 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) foi para un equipo multidisciplinar de investigadores da Universidade da Coruña, que describiu un innovador método de refrixeración baseado en novos materiais sólidos que supón unha alternativa máis eficiente e menos contaminante aos fluídos utilizados na actualidade en neveiras e conxeladores.