Saltar ao contido principal
Xornal

A Fundación USC Deportiva colabora coa campaña de plantación dunha árbore no Bosque de Galicia

Actualizada: 12-01-2018 13:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da actividade que se celebrará ata o mes de marzo

A Fundación USC Deportiva colabora coa campaña de plantación dunha árbore no Bosque de Galicia. Co lema ‘ Ponnos verde!’, a actividade comeza cun paseo polos puntos máis significativos desta zona do Gaiás á vez que se irán explicando as accións levadas a cabo ata o momento e as previstas para o futuro máis inmediato. Xa na zona de plantación, asignaráselle a cada participante ou grupo de participantes unha árbore e unha zona onde plantala. Cada quen contará co material facilitado pola organización e as indicacións do guía da actividade. Posteriormente recibirá en formato electrónico unha imaxe coa súa árbore a modo de lembranza xunto cun certificado de participación.

Coa súa implicación no proxecto, a Fundación USC Deportiva busca contribuír á sensibilización da sociedade con respecto á importancia de manter hábitos de vida saudables e promover actividades que incidan neste aspecto. Esta campaña estenderase ata o vindeiro mes de marzo. A próxima oportunidade de participar é este sábado 13, aínda que neste mesmo mes tamén será posible facelo o día 20 e o 27. En cada xornada haberá dúas quendas de plantación coordinadas por un/ha monitor/a-guía, ás 10.00 e ás 12.00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas para cada unha delas. A hora límite de inscrición será o venres anterior á actividade ás 13.00 horas.

Cada grupo estará formado por un máximo de 25 persoas e cada árbore poderá ser plantada por un máximo de 3 persoas. Nunha mesma inscrición pódense incluír ata un máximo de 3 persoas, das que polo menos unha deberá ser maior de 16 anos, non sendo unha actividade recomendada para menores de 4 anos. As persoas que figuren nunha mesma inscrición plantarán unha única árbore. O Bosque de Galicia pretende ser un novo pulmón verde da cidade ao tempo que converterse en lugar de encontro da cidadanía de Compostela onde poder camiñar ou correr alonxados do tráficos.