Saltar ao contido principal
Xornal

Juan José Nieto Roig e Rosana Rodríguez mantéñense na relación dos investigadores máis influentes e altamente citados

Segundo datos de 2005 a 2015 de Clarivate Analytics

Actualizada: 16-01-2018 11:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Rosana Rodríguez e Juan José Nieto, nunha imaxe de arquivo. Foto: Servimav-USC

O profesor Juan José Nieto Roig e a profesora Rosana Rodríguez López mantéñense no listado do persoal científico máis influente e altamente citado que elabora Clarivate Analytics. Esta relación de persoal investigador é unha lista anual que recoñece aos/as máis destacados/as no ámbito das Ciencias e as Ciencias Sociais de todo o mundo. A última actualización dispoñible contén arredor de 3.400 persoas  agrupados en 21 campos temáticos, para cuxa elaboración se tomou como referencia os artigos publicados en revistas indexadas en Web os Science Core Collection no período 2005-2015. Clarivate Analytics considera como documentos altamente citados aqueles que se sitúan no 1% dos que máis referencias rexistran por campo temático e ano de publicación na Web of Science e de acordo co Essential Science Indicators.

Tanto Juan J. Nieto como Rosana Rodríguez forman parte do mesmo grupo de investigación sobe ecuacións diferenciais non lineares. O seu ámbito de traballo investigador aínda que de carácter básico potencialmente posúe utilidade práctica aplicado ao estudo de diversos temas da física, a bioloxía, a epidemioloxía, a medicina ou na bioinformática, co desenvolvemento de algoritmos máis eficientes para a comparación de secuencias xenéticas.

Juan J. Nieto
O profesor Juan José Nieto Roig (A Coruña, 1958) é catedrático de Análise Matemática e coordinador do grupo de investigación. Coordinou ou participou en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais que acumulan máis de 11.000 citas. Xa citado con anterioridade na listaxe dos científicos altamente citados no eido das Matemáticas, nas edicións de 2014, 2015 e 2016 segundo datos do ISI Web of Knowledge era o terceiro investigador máis citado a nivel mundial no campo das matemáticas.

Rosana Rodríguez
Pola súa banda, a tamén profesora do Departamento de Análise Matemática, Estatística e Optimización, Rosana Rodríguez López acumula, segundo os propios datos xestionados por Thomson-Reuters, un total de 40 artigos con alto grao de citación no período de análise. En total, entre 2004 e 2014 sumaría preto de 2.000 citacións, cunha media por artigo próximo ao medio centenar de referencias.