Saltar ao contido principal
Xornal

Un equipo da USC identifica un novo mecanismo no desenvolvemento de metástases asociadas ao cancro de mama

Investigadores da USC xunto con especialistas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e do Hospital de Xove en Xixón asinan un artigo en Oncogene

Actualizada: 17-01-2018 14:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita: Samuel Seoane, Román Pérez Fernández, Juan Sendón e Anxo Martínez, investigadores do CiMUS

Dende hai anos é sabido que o proceso de colonización e crecemento das células tumorais en órganos distintos do orixinal, o coñecido como proceso de metástase, non é aleatorio. Así, no caso do cancro de mama o espallamento cara outros tecidos ocorre comunmente nos nódulos linfáticos, medula ósea, pulmón, fígado e cerebro. Investigadores da USC, en colaboración con especialistas do Hospital Clínico Universitario de Santiago e do Hospital de Xove en Xixón describen un novo mecanismo implicado no desenvolvemento de metástase específica a fígado e pulmón en casos de cancro de mama.

Os resultados agora publicados na prestixiosa revista británica Oncogene do grupo Nature, explica Anxo Martínez Ordóñez, poderían ter utilidade ou ben como factor de prognóstico de metástases viscerais en pacientes con cancro de mama ou ben como diana terapéuticas para o tratamento destes tumores. Os resultados acadados parten de estudos realizados en peixe cebra e corroborados clinicamente en pacientes con cancro de mama.

Concretamente, o equipo de investigación describe que o factor de transcrición Pit-1 –p roteína que participa na unión de secuencias de ADN- induce un aumento da expresión do receptor das quimioquinas CXCR4 e o seu ligando CXCL12 desencadeando un aumento da proliferación celular, migración, invasión e anxioxénese. Ademais, engade Anxo Martínez, o bloqueo de CXCR4 reduce o crecemento tumoral e diseminación celular nun modelo in vivo de peixe cebra.

En opinión do investigadores, unha das razóns desta afinidade é a maior expresión de certas proteínas, como as quimioquinas, nos órganos secundarios afectados pola metástase. As quimioquinas, explica Martínez Ordóñez, “teñen a habilidade de atraer células tumorais por quimiotaxis. No traballo publicado en Oncogene os autores comprobaron que o aumento de Pit-1 induce un aumento de CXCR4 “e, polo tanto, unha maior afinidade destas células de cancro de mama por tecidos con alta expresión de CXCL12”. Na constatación clínica do traballo realizado sobre modelos animais, o equipo puido corroborar que “aqueles pacientes con cancro de mama que desenvolveran metástase a fígado e pulmón tiñan unha maior expresión de Pit-1 e CXCR4”, explica Anxo Martínez.

‘Breast cancer metastasis to liver and lung is facilitated by Pit-1-CXCL12-CXCR4 axis’ é o título do artigo que asinan, por parte da USC Anxo Martínez Ordóñez, Samuel Seoane, Juan Sendón Lago, Manuel Macía, Tomás García Caballero, Pablo Cabezas Sainz, Laura Sánchez e Román Pérez Fernández, todos eles do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e da Facultade de Veterinaria, ademais de Noemí Eiró, Luis O. González e Francisco Vizoso.


Outras imaxes


Tumores en peixe cebra con células de cancro de mama. Montaxe fotográfica: Anxo Martínez