Saltar ao contido principal
Xornal

Un foro sobre innovación en nutrición, seguridade e tecnoloxías alimentarias citan na USC investigadores e directivos de empresa

O director de asuntos normativos e científicos de Nestlé Nespresso, Carlos de Cruz García, abre o luns en Ciencias unhas xornadas que terán continuidade ata maio

Actualizada: 17-01-2018 13:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Unhas xornadas sobre innovación en nutrición, seguridade e tecnoloxías alimentarias citarán na USC investigadores universitarios e directivos de empresas, que abordarán, ao longo de diversos relatorios, aspectos ligados á innovación alimentaria, control de alimentos e novas ferramentas de estudo en nutrición e tecnoloxía alimentaria.

 

O director de asuntos normativos e científicos da multinacional Nestlé Nespresso, Carlos de la Cruz García, abrirá este foro, organizado ao abeiro do Máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias da USC, o luns 22 de xaneiro, ás 12.00 horas, na sala de xuntas da Facultade de Farmacia, cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Fron USC to Nespresso: sharing of personal and industrial experiencies’. A intervención deste alto executivo de Nespresso, que relatará algunhas das experiencias vividas desde que completou os estudos de licenciatura en Farmacia na USC ata a súa incorporación á compañía Nestlé Nespresso, poderá seguirse a través de videconferencia na Aula 2 da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC.

 

O centro universitario lugués acollerá tamén o luns, a partir das 16.00 horas, o segundo dos relatorios programados no marco destas xornadas, orientadas inicialmente ao alumnado do máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias, pero aberto á participación de estudantes de grao e do público en xeral. A segunda sesión deste ciclo estará guiada pola profesora Coral Barbas Arribas. Esta investigadora española especializada en química analítica e que na actualidade dirixe o Centro de Excelencia en Metabolómica e Bioanálise da Facultade de Farmarcia da Universidade San Pablo-CEU, falará sobre a metabolómica como nova ferramenta en estudos de nutrición e tecnoloxía alimentaria.

 

O especialista en produtos microbiolóxicos de Laboratorios Scharlab, Xabier Torralba, ofrecerá o 21 de febreiro na Facultade de Ciencias unha charla sobre control microbiolóxico de alimentos. Esta intervención, que tamén se poderá seguir a través de videoconferencia desde a Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela, terá continuidade cunha sesión práctica na que participará o público presente.

 

A programación destas xornadas, a través da que a USC pretende visibilizar o máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias, segundo indicou o coordinador deste posgrao universitario, o profesor Manuel Vázquez Vázquez, continuará o 9 de marzo, data na que o xefe da Área de Avaliación de Riscos e secretario técnico do comité científico da sección de seguridade alimentaria da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan), Vicente Calderón Pascual, ofrecerá un relatorio sobre os cometidos que desenvolve Aecosan. A intervención de Calderón Pascual desenvolverase no salón de graos da Facultade de Farmacia da USC e poderá seguirse a través de videoconferencia na aula 2 da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC.

 

O sistema de control de acuicultura e produtos de pesca en Italia será o tema sobre o que verse a intervención do profesor e investigador do Departamento de Medicina Veterinaria e Produción Animal da Universidade Federico II de Nápoles Raffaele Marrone, quen pechará o 10 de maio estas xornadas sobre innovación en nutrición, seguridade e tecnoloxía alimentarias.