Saltar ao contido principal
Xornal

A USC, coas mulleres e as nenas na ciencia

Actualizada: 12-02-2018 12:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Como cada ano dende 2015, o 11 de febreiro se conmemora o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha data que a USC celebra con diversos actos que buscan visibilizar o traballo das científicas e sacar do esquecemento as pioneiras da nosa universidade.

A primeira destas accións programadas recupera as científicas pioneiras que se formaron nas aulas e laboratorios das facultades de ciencias experimentais da USC e recoñece o seu empeño por seguir a súa vocación científica, que facilitou que as aulas universitarias se abrisen ás mulleres. Así, no marco dun acordo co Concello compostelán, durante este mes e o seguinte os institutos de educación secundaria da cidade acollerán a exposición ‘Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC’ elaborada pola investigadora da USC Xoana Pintos Barral.

Nestes momentos e ata o día 15 a mostra exponse no IES Pontepedriña, de onde partirá aos institutos Arcebispo Xelmírez II, Antonio Fraguas Fraguas, Arcebispo Xelmírez I, Eduardo Pondal e IES As Fontiñas.

Conferencia de Xoana Pintos
Tamén conmemorando o día marcado polas Nacións Unidas, o ciclo ‘Reactiva a túa Química’ que organiza regularmente a Facultade de Química dedica a esta temática a súa sesión do vindeiro mércores 14.

Será a doutora en Historia das Ciencias e das Técnicas pola USC Xoana Pintos, autora do traballo 'As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960', a encargada de pronunciar a conferencia, que leva por título ‘Non só Marie Curie’. Ás 13.00 horas na Aula Magna do centro.

Editaton(a)
Ademais, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Biblioteca Universitaria da USC teñen previsto para o 20 de febreiro a editatona ‘Investigadoras na USC: as pioneiras’. Esta actividade, coa que colaboran Galipedia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal), consiste nunha reunión virtual para editar e mellorar colectivamente os contidos dunha Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el, neste caso as mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas.

A editatona terá lugar o 20 de febreiro de 2018 de 9 a 14 horas na Biblioteca Concepción Arenal e para participar fan falla unha serie de requisitos e rexistro previo.