Saltar ao contido principal
Xornal

Un novo produto vexetal de untar e o proxecto de mellora dunha granxa, premios ‘Enxeñaría e Muller Rural’ do Campus Terra

A entrega de premios aos autores dos traballos de fin grao distinguidos nesta convocatoria desenvolverase o 1 de marzo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

Actualizada: 12-02-2018 11:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da convocatoria dos premios 'Enxeñaría e Muller Rural'

Os traballos fin de grao presentados en 2017 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC pola graduada en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias María Nerea Fernández Canto e o graduado en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria Ismael Moeda Doval, veñen de ser galardoados na segunda edición do concurso ‘Enxeñaría e Muller Rural’.

 

O tribunal encargado de fallar a segunda edición do Concurso de Traballos de Fin de Grao Enxeñaría e Muller Rural, un certame convocado pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, estivo presidido pola responsable da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, a profesora María Dolores Fernández, quen tamén participará o próximo día 1 de marzo na cerimonia de entrega de premios aos galardoados, no marco dun acto que se desenvolverá na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior da USC.

 

O estudo sobre a caracterización de proteínas de orixe vexetal realizado no seu traballo de fin de grao pola enxeñeira María Nerea Fernández Canto, quen logo e xa nunha fase práctica desenvolvería nas instalación de Innolact un produto para untar alternativo ao de orixe animal, mereceu o primeiro premio nesta convocatoria de galardóns, unha iniciativa orientada a poñer en valor a figura e as achegas da muller no eido das enxeñarías, a través do recoñecemento de traballos innovadores e cuxa temática contribúa a mellorar as condicións de vida e de traballo das mulleres no medio rural.

 

A outra das propostas premiadas na segunda edición dos premios a traballos fin de grao sobe Enxeñaría e Muller Rural leva por título ‘Proxecto de reforma dunha explotación porcina de destete para 5791 cabezas en O Coto, Toques’, unha candidatura presentada polo tamén enxeñeiro Ismael Moeda Doval.

 

Os dous enxeñeiros que veñen de completar os seus estudos de grao na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC recibirán cadansúa gratificación en metálico de 200 euros, ademais do correspondente diploma acreditativo, no marco dun acto público no que tamén se concederán outros dous accésits ás enxeñeiras María Amparo Ferreira Golpe e Paula Núñez de Miguel.