Saltar ao contido principal
Xornal

Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego

Actualizada: 15-02-2018 13:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC convoca a terceira edición de #TEDSaúde, o concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.

TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design) é unha organización sen ánimo de lucro dedicada ás ‘Ideas dignas de difundir’ amplamente coñecida polo seu congreso anual e as súas charlas TED Talks, que cobren un amplo espectro de temas como ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento e lecer. Desde xuño de 2006, as máis de 1.000 charlas TED están dispoñibles en liña no sitio web de TED (tamén en YouTube e en iTunes) e é posible subtitulalas en diferentes idiomas.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia, consciente da escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego, propuxo unha actuación para motivar, entre outros destinatarios, ao alumnado e ao profesorado do centro para contribuír a crealos mediante a subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. Nas dúas convocatorias pasadas conseguiuse que 51 vídeos TED desa área teñan unha versión subtitulada en galego e de calidade, co que, en total, xa son máis de 200 os vídeos TED con subtítulos na nosa lingua.

Dúas modalidades
Segundo os destinatarios, o concurso presenta dúas modalidades, unha dirixida á comunidade universitaria da USC non pertencente á comunidade TED e outra aos membros da comunidade TED. Neste segundo caso, para participar hai que inscribirse enviando un correo electrónico a snl.concurso.subtitulacion@usc.es ata o 2 de marzo de 2018, cos seus datos (nome, dni, enderezo postal). Disporá ata o 7 de abril para realizar a tradución ao galego e a subtitulación do vídeo. O premio é de 150 euros.

De non ter experiencia na subtitulación de vídeos TED ao galego, é preciso inscribirse ata o 2 de marzo nun obradoiro gratuíto de catro horas –o 7 de marzo en Bioloxía– para aprender o funcionamento da plataforma. Despois disponse ata o 7 de abril para realizar a correspondente tradución e subtitulación. A persoa gañadora levarase 250 euros de premio.