Saltar ao contido principal
Xornal

Despedida de Estalmat-Pi no marco das celebracións dos dez anos de Estalmat-Galicia

Actualizada: 23-02-2018 13:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A promoción de 2015 de Estalmat Pi celebra este sábado 24 o seu acto de despedida na Facultade de Matemáticas. Estalmat Pi é un programa anual que se lle ofrece ao alumnado que remata os dous primeiros cursos de ESTALMAT-Galicia (Programa para o ESTímulo do TALento MATemático) para que non perda o contacto e a afección polas matemáticas.

O evento, que servirá ademais como clausura do curso 2017-18 de Estalmat Pi, estará presidido polo reitor e presidente de Estalmat-Galicia, Juan Viaño. Ás 10.30 horas a coordinadora xeral de Estalmat-Galicia e decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón, impartirá a sesión aberta ‘As matemáticas como profesión hoxe’ á promoción e ás familias na que, entre outras cuestións, achegará biografías de mulleres referentes nas Matemáticas tanto no eido internacional como galego e estatal, aproveitando que o 11 de febreiro se celebraba o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia.

Ao remate, sobre as 12.00 horas, terá lugar o acto de despedida dos 22 participantes –8 nenas e 14 nenos– que remataron o curso, que estarán acompañados das súas familias, e no que ademais do reitor e da decana participarán a coordinadora académica e secretaria de Estalmat-Galicia, Marina Germiñas Miguéns, o presidente de AGAPEMA, Julio Rodríguez Taboada, e o presidente de SGAPEIO, César Sánchez Sellero.

AGAPEMA e SGAPEIO son sociedades galegas colaboradoras do proxecto.  SGAPEIO entregará como agasallo ao alumnado o libro A Estatística en Caricaturas, mentres que con motivo dos dez cursos de ESTALMAT-Galicia AGAPEMA publicará un número da Lemniscata dedicado integramente ao proxecto.

Estalmat PI
Seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas, os e as integrantes da promoción de Estalmat PI asistiron en doce sesións ás actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento logo de xa ter participado nos dous cursos do programa Estalmat. Estas actividades impártense as mañás dos sábados na Facultade de Matemáticas por un equipo docente de máis de 50 profesores de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido.

No acto, a novena promoción presentará un vídeo no que recollen a pegada que deixan no programa. O ano pasado innovaron presentando o himno da súa promoción interpretado por elas e eles, e este ano o testemuño será un pequeno documental.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT).