Saltar ao contido principal
Xornal

Nacen tres novas empresas de base tecnolóxica resultado da investigación en 2017 na USC

Trátase de Intera para solucións ao gas radon, AYeconomics para recomendar políticas en temas socioeconómicos e DIMElab de asesoramento pedagóxico

Actualizada: 23-02-2018 13:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O pasado ano constituíronse formalmente tres Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) creadas a partir de resultados de investigación xerados na USC. Estas iniciativas caracterízanse por basear a súa actividade na aplicación de novos descubrimentos científicos ou tecnolóxicos para a xeración, neste caso, de novos servizos relacionados coa medición do gas radon (Intera), coa recomendación de políticas en temas socioeconómicos (AYeconomics) e co asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía (DIMElab).

A Universidade de Santiago presentounas este venres no Edificio Emprendia –que será a sede física de AYEconomics e DimeLab e a virtual de Intera– nun acto no que participaron o reitor Viaño, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, e o adxunto ao Reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.

“Dende a Área de Valorización, Transferencia e Tecnoloxía e dende UNINOVA apoiamos estas tres iniciativas empresariais, que incorporan a doutores formados nos grupos da nosa universidade e que en definitiva van reter talento, xerar negocio e contribuír á mellora da nosa calidade de vida, cun futuro certamente prometedor”, dixo o reitor no acto.

Intera
Intera (Innovaciones Tecnológicas del Radón) nace coa vocación de ofrecer solucións de medición e mitigación de gas radon en edificacións tanto de uso residencial como público. A empresa é o resultado da alianza do Radonlab (Servizo de medida e mitigación de gas radon da USC) no que traballan investigadores do Laboratorio de Análise de Radiacións (LAR) e a empresa de enxeñaría da construción Inous para ofrecer solucións globais á concentración do gas radon no interior dos edificios.

Así, tras a experiencia de varias colaboracións con Inous xurdiu o proxecto para ofrecer servizos integrais que van desde o asesoramento e execución de medidas preventivas á medición, deseño e implementación de solucións ou a formación e consultaría.

AYeconomics
AYeconomics está especializada en investigación de calidade e recomendación de políticas en temas socioeconómicos. A empresa conta con metodoloxías innovadoras que permiten xerar información valiosa, cunha menor demanda de datos externos, para realizar as posteriores simulacións de política económica. Isto é especialmente importante para contornas onde o acceso ás variables socioeconómicas ou demográficas é realmente complexo.

Por iso, ademais do galego, ten como obxectivo o mercado de Asia Central co que xa ten un acordo Banco Central de Tajikistan para desenvolver un proxecto de deseño de políticas que incrementen o emprego feminino no rural. Tamén recentemente, en cooperación con universidades de Kazakhstan recibiu un proxecto do National Center of Science and Technology Evaluation of Kazakhstan para analizar a saúde na infancia e os seus efectos no desenvolvemento posterior do individuo na educación e o mercado de traballo.

DIMElab
Pola súa banda, DIMElab –resultado do traballo do grupo de investigación da USC Stellae- ofrece servizos de asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía e desenvolve todo tipo de recursos didácticos, entre os que se inclúen os denominados serious games (xogos serios para educación e formación).

DIMElab tamén destaca pola realización de probas, análises e testados de produtos didácticos, para tentar garantir que os materiais deseñados para a educación sigan certos estándares de calidade pedagóxica.

Compromiso da USC
Nos últimos catro anos a USC duplicou os recursos dedicados á protección de resultados de investigación (patentes). Produto deste esforzo, a institución compostelá posiciónase entre o quinto e noveno posto das universidades españolas en termos de resultados de transferencia de tecnoloxía.

Ademais, como proba do seu compromiso coa sociedade dende a transferencia, aumentou os seus esforzos de colaboración con diferentes institucións, do que xorde a Mesa de Traballo pola Reindustrialización de Santiago, que persegue a creación dun Polo Tecnolóxico en Biotecnoloxía no polígono industrial da Sionlla coa colaboración entre Concello, a Cámara de Comercio e a asociación empresarial Area do Tambre e outros axentes.

Dentro desta política de colaboración con outros axentes, este mércores a USC formalizaba tamén a solicitude para a creación dunha Incubadora de Alta Tecnoloxía en Galicia. ‘BIOINCUBATECH- Incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia de biotecnoloxía nos ámbitos da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes’ en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago.


Outras imaxes