Saltar ao contido principal
Xornal

Chega a sétima edición de ‘Explícoche Matemáticas 2.0’

Actualizada: 13-03-2018 12:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas é o principal obxectivo do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, que xa vai pola súa sétima edición e cuxo prazo de presentación de traballos remata o vindeiro 6 de abril.

O certame premia vídeos, en galego e cunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación) ou ben cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Poderá utilizarse calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.

Pode participar o alumnado das universidades públicas de todo o Estado español de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora.

Para presentarse ao certame, os concursantes deberán subir o vídeo a unha canle de Youtube e achegar o URL, os datos de contacto, informe e autorizacións a zmatdeca@usc.es e ao enderezo físico do Decanato da Facultade de Matemáticas.

Hai catro premios: un para a categoría A (alumnado da ESO e de bacharelato) e dous para a categoría B (graos, por unha banda, e mestrado e doutoramento pola outra), dotados con 200 euros cada un; e un cuarto de 100 euros para o mellor valorado polos internautas.

O concurso conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade e convócao Facultade de Matemáticas, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística.