Saltar ao contido principal
Xornal

A USC, na Alianza de Centros Severo Ochoa e Unidades María de Maeztu

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías conseguiu en 2017 a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maetzu, primeiro centro en Galicia en obtela

Actualizada: 13-03-2018 12:13
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo de representantes dos distintos centros que integran SOMMa. Foto: www.somma.es

A USC participa a través do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Alianza de Centros Severo Ochoa e Unidades María de Maeztu (SOMMa), agrupación que se acaba de presentar este luns e que ten entre os seus obxectivos principais impulsar a visibilidade nacional e internacional da investigación española como un ecosistema de excelencia interdisciplinar e interconectado.

A iniciativa busca fomentar o intercambio de coñecemento científico, tecnoloxía e boas prácticas; apoiar e contribuír a política científica; atraer e integrar talento e favorecer a mobilidade dentro de España así como definir sinerxías e oportunidades de colaboración con outros institutos de investigación e universidades para impulsar a ciencia española.

IGFAE
O IGFAE, instituto mixto dependente da USC e da Xunta de Galicia creado en 1999, recibiu o pasado mes de setembro a súa acreditación como Unidade de Excelencia María de Maetzu, converténdose así no primeiro centro en Galicia en obter esta distinción, que concede a Axencia Estatal de Investigación e que supón un financiamento de dous millóns de euros durante os próximos catro anos e oito contratos predoutorais.

A distinción co María de Maetzu ten en conta os resultados científicos e os programas estratéxicos tras unha rigorosa avaliación na que, no caso do Instituto da USC, participaron máis dun cento de científicos internacionais de recoñecido prestixio. A valoración do IGFAE recoñece a súa traxectoria investigadora e a relevancia da estratexia de futuro presentada, que incide especialmente en dúas variables: un incremento na cantidade e calidade dos seus investigadores e unha definición estratéxica de áreas científicas onde se identifican tamén novas posibles liñas de investigación.

Retención de talento
Un dos piares do plan do IGFAE, que agrupa 41 investigadores dos cales 30 son profesores da USC, é a atracción e retención de talento, especialmente co perfil adecuado para os proxectos do European Research Council. Para iso defínense accións que inciden nas fases iniciais da carreira científica, onde os investigadores poden optar a Starting ou Consolidator Grants (ata a data, dous investigadores do Instituto acadaron unha Starting Grant). A formación de novos científicos, tanto na fase de doutoramento como o comezo do posdoutoramento, é outra das bases na estratexia de talento.

A análise das liñas científicas do instituto revela un número de grupos recoñecidos internacionalmente nos seus ámbitos de actuación con boa masa crítica. O plan trata de fortalecer estas liñas xa existentes e, ao tempo, abrir outras novas, coherentes coa estratexia científica marcada, en áreas como a Cosmoloxía, a Física dentro ou alén do Modelo Standard e a Instrumentación científica. “Esta estruturación estratéxica é indispensable para a planificación a longo prazo en colaboracións internacionais, que poden ter un percorrido de máis de 20 anos e que están en constante revisión pola comunidade internacional”, explica o seu director, Carlos Alberto Salgado López.

A investigación que produce o IGFAE está orientada á ciencia básica dirixida a mellorar a comprensión da estrutura da materia e o Universo, como as súas aplicacións tecnolóxicas en campos moi diversos que inclúen a instrumentación científica avanzada, a tecnoloxía GRID, a microelectrónica ou a enerxía solar, entre outras. A estratexia de futuro proposta identifica tamén áreas onde o instituto pretende ter unha incidencia directa e inmediata na nosa contorna máis próxima. Neste senso, Salgado destaca que será potenciada a transferencia de coñecemento, especialmente en temas relacionados coa saúde, “así como a comunicación da ciencia á sociedade, tanto no eido da divulgación xeral como no da educación non universitaria”.