Saltar ao contido principal
Xornal

Novas actividades esta semana para celebrar os 50 anos dos estudos de economía en Galicia

Actualizada: 14-03-2018 11:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais continúa a programar actividades no marco do 50 aniversario dos seus estudos en Galicia. Para este xoves 15 ten previsto un novo coloquio de economía aplicada e a presentación do número 153 da revista Papeles de Economía Española.

Coloquio
A terceira sesión dos Coloquios de Economía Aplicada terá lugar o xoves ás 12.00 horas na aula B da Facultade. Nesta ocasión, o catedrático de Estrutura Económica Xavier Vence Deza e o profesor Óscar Rodil Marzábal debaterán sobre a crise da Europa neoliberal e as desigualdades.

Papeles de Economía
Unha hora máis tarde do coloquio terá lugar, no Salón de Graos do centro, a presentación do número 153 da revista trimestral Papeles de Economía que edita Funcas dedicado nesta ocasión á ‘Economía das cidades’.

Na mesa do evento estarán a decana María Emilia Vázquez Rozas; o conselleiro de Economía da Xunta de Galicia, Francisco Conde López; o director xeral de Funcas, Carlos Ocaña Pérez de Tudela; o director da revista Papeles de Economía, Eduardo Bandrés Moliné; e o coordinador do número 153, o catedrático da USC Luis Caramés.