Saltar ao contido principal
Xornal

Estudantes e docentes da USC participan en Italia nun programa sobre restauración de espazos degradados co proxecto Landcare

Vinte alumnos e dez profesores de universidades de Grecia, Italia, España e Portugal rematan este venres o curso desenvolvido no Parque Natural de San Rossore de Pisa

Actualizada: 23-03-2018 13:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Estudantes e docentes participantes nun curso internacional sobre restauración de espazos degradados en Pisa

O curso internacional sobre restauración de espazos degradados programado no marco do proxecto europeo Landcare, unha iniciativa liderada polo profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, Agustín Merino García, congrega ata este venres no Parque Natural de San Rossore, en Pisa (Italia) un total de 20 estudantes e dez profesores procedentes de diferentes universidades de Grecia, Italia, España e Portugal.

 

Esta actividade formativa, que chega este venres ao seu remate logo de 12 xornadas de traballo e na que tomaron parte cinco estudantes do Campus Terra da USC, tres matriculados nalgún dos graos de enxeñaría impartidos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e dous estudantes de Mestre na Facultade de Formación do Profesorado, está organizada polo Centro Nacional de Investigación de Italia, a través do seu Instituto de Estudos do Ecosistema.

 

O programa desenvolvido no marco desta iniciativa, na que tamén tivo unha participación moi activa a compañía West System, especializada na medición de gases de efecto invernadoiro, permitiu aos participantes afondar no coñecemento das principais técnicas que se empregan no Sur de Europa para restaurar os espazos medioambientais degradados.

 

O estudo da casuística desta problemática, moitas veces consecuencia de procesos de contaminación ou mala xestión de residuos, degradación de áreas húmidas e ríos, incendios forestais ou degradación de áreas costeiras ocupou tamén algunhas das sesións desenvolvidas ao abeiro deste curso.

 

A delegación universitaria internacional que tomou parte no curso desenvolvido en Pisa entre o 11 e o 23 de marzo, aproveitou a súa estadía nesta rexión italiana para visitar as instalacións de xestión de residuos existente en Belvedere, así como para analizar a pegada dos incendios forestais no monte Pisani. Os participantes neste programa formativo sobre técnicas de restauración de espazos degradados tamén tiveron a oportunidade de coñecer os efectos que a erosión costeira está a  producir en Torre do Lago ou a restauración da área húmida de San Niccolò.

 

Unha vez rematadas as sesións organizadas no marco deste curso, o profesor Merino García fixo unha valoración moi positiva do desenvolvemento do mesmo e incidiu na importancia que supón o fluxo de coñecementos e técnicas de ensino entre futuros enxeñeiros/as e mestres/as, en aras a favorecer a celebración de novas actividades formativas e tamén de sensibilización sobre a recuperación de espazos degradados.