Saltar ao contido principal
Xornal

Xornadas de orientación profesional para estudantes de Física

Actualizada: 05-04-2018 12:08
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Facultade de Física organiza entre os días 9 e 18 de abril as xornadas de orientación profesional para o seu estudantado ‘E agora que?’. O programa contempla conferencias e debates, todos ás 19.30 horas, acerca de cuestións que interesan moi directamente ao alumnado que está a cursar estes estudos coa finalidade de orientalos na súa decisión de futuro profesional.

O luns 9 será a quenda de José Luis Legido, presidente da sección local en Galicia da Real Sociedad Española de Física, que falará da situación da Física en España centrándose na situación laboral e profesional dos titulados e o papel concreto que xogan as sociedades científicas. Xa o martes 10 o profesor da USC Víctor Pardo Castro falará da carreira investigadora.

Os posgraos universitarios da facultade compostelá centrarán a charla do día 11, que impartirán algunhas das persoas responsables destes títulos, que son o máster universitario en física e o máster universitario en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible. Pola súa banda, o día 12 a xerente do Colexio Oficial de Físicos, María Luz Tejeda, explicará as diferentes saídas profesionais da titulación e fará un breve percorrido por recursos que facilitan a busca de emprego.

A seguinte semana comeza cunha conferencia de Purificación Torrente, da Área de orientación laboral da USC, que ofrecerá claves para o inicio profesional, e continuará con dúas mesas redondas, unha sobre a carreira investigadora e as prácticas externas en departamentos e institutos da USC e outra sobre a física en empresas e organismos públicos e privados, con atención ás prácticas externas para estudantes de grao e máster.