Saltar ao contido principal
Xornal

Aberta a convocatoria da sétima edición de Somos a curta!, orientada agora ao cinema do real

Actualizada: 09-04-2018 13:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Logo de seis convocatorias premiando o humor en galego, a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación decidiu darlle un xiro á orientación do certame Somos a curta! e enfocalo cara ao cinema do real, sempre coa intención de promover o noso idioma no audiovisual, un eido clave para a sociedade.

Deste xeito, as curtas que se presenten ao concurso non pode sobardar os 10 minutos e serán rodadas en galego, como ata agora, mais desta volta xirarán tematicamente arredor da propia realidade social galega. Pode participar o alumnado das tres universidades galegas e o estudantado do bacharelato artístico e das diferentes escolas de Imaxe e Son de Galicia. O prazo para presentaren as súas pezas audiovisuais está  aberto ata o día 11 de outubro.

O VII Somos a curta! da Facultade de Ciencias da Comunicación, organizado en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, está dotado con dous galardóns de 500 e 250 euros, respectivamente, para os dous proxectos mellor valorados polo xurado. Ademais, tamén se fará entrega dun premio á curta que acade unha maior acollida entre o público asistente á gala que terá lugar o mércores 31 de outubro ás 20:00 h no Salón de Actos do centro, na cal se visualizarán as curtas presentadas.

Tanto dende a web da USC como no facebook da CNL de Ciencias da Comunicación pódese acceder á información sobre as edicións anteriores e visualizar as curtas gañadoras en pasadas edicións, dedicadas ao humor: Longa noite de verga (2011),   Chapeau, Por Couso, Familia (2012), Santiago de Compostela 2014 e Loita de clases (2013),    Laranxa e media, Quérote tal e como son (2015),  Non é país para mocosos, 1000 maneiras de espichala e Nada peor (2016), Entropía e A conferencia (2017).