Saltar ao contido principal
Xornal

A USC colabora na IV Carreira Universitaria solidaria Campus na Nube Run4Med

Actualizada: 10-04-2018 14:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O xoves 19 de abril terá lugar en Santiago a IV Carreira Universitaria solidaria Campus na Nube Run4Med, que este ano dedicará a recadación á Asociación Centinelas. O circuíto transcorrerá pola Alameda con saída no Paseo dos Leóns e chegada no interior da pista de atletismo da USC, cun percorrido total de 5,7 quilómetros apto para todos os públicos.

A carreira está organizada pola empresa Campus na nube, concesionaria del servizo de reprografía, edición e impresión dixital da USC, e a asociación Run4med, integrada por alumnos de medicina de 6º curso. Con ela pretenden, ademais de recadar fondos para causas solidarias, fomentar os hábitos saudables e a práctica do deporte entre a poboación.

Nas súas anteriores edicións participaron mais de 1.500 deportistas e recadáronse un total de 8.046,50 euros, que se repartiron integramente entre Asanog (Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia), Arela (Asociación para o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade de Galicia en risco de desprotección ou conflito social), Fundación Andrea de apoio a nenos con enfermidades de longa duración e AGAeFA (Asociaciación Galega de Afectad@s e Familiares de Acondroplasia).

A inscrición na carreira ten un custo de 8€ (3€ para gastos de organización e seguro médico e 5€ para o proxecto benéfico) e pode facerse en www.carreirasgalegas.com ou de maneira presencial nos Centros de Campus na Nube nas Facultades de Dereito, Medicina, Psicoloxía, Filoloxía, Económicas e Farmacia. Tamén hai un dorsal cero para todos aqueles que queiran deixar a súa aportación económica.