Saltar ao contido principal
Xornal

50 anos da volta do cineasta Carlos Velo á súa aldea natal

Este martes inaugúrase na Igrexa unha exposición con fotografías inéditas da visita que Velo, exiliado en México, realizou a Cartelle en 1967

Actualizada: 16-04-2018 11:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

“Unha captura sentimental da súa aldea, da súa nenez e mocidade, para levar de volta a México a memoria da súa terra”. Así definía en outubro Enrique Acuña a mostra ‘Carlos Velo. A volta a Cartelle. Fotografías 1967’, que se presentaba en Ourense organizada pola Fundación Carlos Velo e que agora se poderá visitar na Igrexa da Universidade compostelá.

‘Carlos Velo. A volta a Cartelle. Fotografías 1967’ inaugúrase este martes 17 ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade nun acto que preside a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, e no que tamén participan a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, e o comisario da mostra Enrique Acuña

En 2017 cumpríanse 50 anos da volta de Carlos Velo (Pereirós, Cartelle, 1909 – México, 1988) á súa terra, que deixou nun exilio a México obrigado pola Guerra Civil logo dunha vida marcada pola bioloxía e máis adiante polo cine, sempre cun profundo compromiso coa lingua e o país, ao que puido regresar xa con 58 anos.

A exposición confórmana 42 fotografías seleccionadas dun total de medio cento de imaxes realizadas polo propio Carlos Velo na súa aldea natal, Os Pereiros, en 1967, que en opinión de Acuña é “unha das mellores mostras da fotografía galega do século XX". Poderá visitarse ata o 25 de maio en horario de luns a venres de 17:00  a 20:30 horas.