Saltar ao contido principal
Xornal

A terceira edición do maratón audiovisual ‘Findecurta’ bota a andar este venres na Casa do Saber con 14 candidaturas inscritas

O certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural desenvolverase ata o 17 de abril e os dous traballos gañadores proxectaranse na Semana de Cine de Autor de Lugo

Actualizada: 13-04-2018 14:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do III Findecurta

A terceira edición do certame audiovisual 'Findecurta', unha iniciativa programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que busca servir de impulso a novos creadores audiovisuais, botará a andar este venres, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, no marco dunha sesión na que os organizadores deste certame informarán aos participantes sobre as características e os retos que debe cumprir cada curta. O idioma das curtametraxes debe ser en galego.

 

As 14 candidaturas individuais ou de grupo que formalizaron a súa inscrición para tomar parte nesta iniciativa de creación audiovisual deberán presentar as súas respectivas propostas nas oficinas de Cultura ata as 10.30 horas do 17 de abril de 2018. Os promotores deste certame agasallarán con 500 euros a proposta gañadora, ao tempo que garantirán ás dúas candidaturas máis valoradas a proxección dos seus traballos audiovisuais na 40º Semana de Cine de Autor de Lugo, na que poderán competir polos premios á mellor curtametraxe galega da Semana de Cine de Autor de Lugo.

 

As bases da convocatoria do III ‘Findecurta’ están accesibles na páxina web www.lugocultural.es. O xurado encargado de fallar os premios deste certame audiovisual estará formado por profesionais de recoñecido prestixio, así como por representantes das entidades que colaboran no convenio Lugo Cultural, no que participan USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo. O fallo do xurado primará a creatividade e a calidade técnicas das curtas, así como o cumprimento de todos os criterios fixados na convocatoria.