Saltar ao contido principal
Xornal

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC no Campus Terra forma os monitores científicos para XuvenCiencia

A responsable do SEPIU en Lugo, Fátima Teixeiro, dirixiu unha sesión para formar os 15 mozos e mozas que acompañarán ao alumnado do campus entre o 2 e o 6 de xullo

Actualizada: 16-04-2018 11:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mercedes Novo, cos futuros monitores científicos de XuvenCiencia

O Campus Terra da USC acollerá entre o 2 e o 6 de xullo o VI campus científico de verán XuvenCiencia dirixido a alumnado preuniversitario e que nesta edición contará coa novidade de que os mozos e mozas que asisten voluntariamente como monitores para acompañar aos e ás participantes matriculados/as veñen de ser formados/as polo Servicio de Participación e Integración Universitaria da USC en Lugo.

 

A responsable do Sepiu no Campus Terra, Fátima Teixeiro, dirixiu este sábado 14 de abril, unha sesión na que quince alumnos e alumnas da USC recibiron formación para acompañar ao estudantado participante no campus, dinamizar grupos e actividades lúdicas, realizar apoio loxístico, manexar medios audiovisuais (fotografía e vídeo) e coñecer máis polo miúdo os obradoiros e proxectos científicos que terán lugar desde o luns 2 ata o venres 6 de xullo.

 

En quenda de mañá, os e as participantes realizaron actividades en grupo para aprender a formar e dinamizar equipos, mentres que xa en quenda de tarde, a coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo, encargouse de distribuír aos e ás futuras monitoras entre as diversas actividades ofertadas na edición deste ano e de acordo coas súas respectivas preferencias, ademais de explicarlles en que consiste cada unha delas.

 

O prazo de preinscrición para que o alumnado de 4º da ESO e de bacharelato poda participar en Xuvenciencia ábrese o vindeiro 27 de abril, ás 15.30h, na web http://www.usc.es/xuvenciencia/campus/gl. Na edición do ano pasado, XuvenCiencia pechou a mellor preinscrición da súa historia con 253 alumnos/as que solicitaron a súa praza neste campus científico do Campus Terra.


Outras imaxes


Teixeiro, á esquerda, con participantes voluntarios nas sesións formativas de monitores científicios de XuvenCiencia