Saltar ao contido principal
Xornal

Un coloquio sobre a incorporación á actividade agraria pecha o ciclo ‘O mundo rural a debate’ no Campus Terra da USC

Ermitas Rodríguez e Marcos Vázquez participan este mércores, ás 16.00 horas, no foro organizado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría polo grupo Ruralia

Actualizada: 17-04-2018 09:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

Un coloquio sobre as vantaxes e oportunidades que ofrece a incorporación á actividade agraria pecha este mércores, a partir das 16.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, o ciclo ‘Mundo rural a debate’, un foro que nesta ocasión se desenvolve baixo o lema ‘Aterra!: O teu futuro no agro’.

 

Esta nova sesión de debate, organizada polo grupo de innovación docente Ruralia, que agroma profesores e investigadores da USC das áreas de Economía, Socioloxía, Política Agraria, Historia Contemporánea e Ecoloxía, en colaboración coa Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, abordará o potencial que teñen as unidades de produción de agraria para constituírse como unha saída profesional a ter en conta no futuro para o alumnado formado no Campus Terra da USC.

 

Os produtores Ermitas Rodríguez Gómez, titular de La Cabreta e socia da empresa Beealia, de Meira, que comercializa cordeiro e cabrito atlántico, e Marcos Vázquez, de Casa Vázquez de Láncara, produtor de bovino de carne e mazá de sidra certificadas, son os relatores convidados a participar neste foro, no que presentarán aos asistentes dous modelos empresariais de éxito relacionados coa produción agraria.