Saltar ao contido principal
Xornal

A cantante brasileira Adriana Calcanhotto ofrece unha conferencia na USC o vindeiro xoves

Na véspera do seu concerto en Compostela o día 27

Actualizada: 17-04-2018 11:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Aproveitando o seu concerto en Santiago o día 27, a artista brasileira Adriana Calcanhotto ofrecerá o xoves 26 unha conferencia no Paraninfo da Universidade organizada polo Grupo Galabra da USC coa colaboración da Vicerreitoria de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social. O relatorio, ás 19.30 horas e de entrada libre, leva por título ‘Canção de amor cantar eu vim’ e contará coa presentación da profesora da USC Carmen Villarino Pardo.

Esta compositora brasileira foi nomeada Embaixadora da Lingua Portuguesa pola Universidade de Coimbra en 2015 e ten desenvolvido un traballo de divulgación e estudo da literatura portuguesa en varias universidades europeas e brasileiras. Nos últimos tempos, a artista realizou unha longa estadía académica nesa universidade.

Adriana Calcanhotto
Adriana Calcanhotto iniciou a súa traxectoria artística a mediados dos anos 80 nos bares da súa cidade natal, Porto Alegre. Logo de destacar no circuíto máis vangardista de São Paulo, acadou grande repercusión cando foi convidada para cantar no Rio de Janeiro en 1989, o que a levou a publicar o seu primeiro disco, ‘Enguiço’ (1990).

O álbum seguinte, ‘Senhas’ (1992), foi o primeiro concebido e producido totalmente pola cantora. Logo publicaría ‘A Fábrica do Poema’ (1994), que foi considerado pola prensa “o disco do ano”, no que participaron poetas e compositores como Waly Salomão, Péricles Cavalcanti, Cid Campos e Arnaldo Antunes.

Ao longo da súa carreira colaborou cos máis grandes artistas brasileiros, como Caetano Veloso, e foi interpretada por grandes como Gal Costa, Ney Matogrosso, ou Marisa Monte, entre outros. En 2016 Maria Bethânia grava ‘Era pra ser’, escrita por Adriana especialmente para ela.

En 2004 xorde o heterónimo infantil Adriana Partimpim, que estreou en disco homónimo e se converteu nun espectáculo teatral. Este proxecto recibiu o Grammy Latino na categoría de mellor álbum infantil. Logo gravaría dous discos máis de estudo para crianzas.

Calcanhotto sempre foi unha artista total, cunha forte ligazón coas artes visuais e coa poesía. Asinou as ilustracións de ‘O Poeta Aprendiz’ (2003), de Vinicius de Moraes e Toquinho, e ‘ Melchior, o Mais Melhor’ (2011), de Vik Muniz.

Concerto o 27 de abril
Santiago de Compostela será a cuarta cidade que acolla o novo espectáculo da brasileira Adriana Calcanhotto (Porto Alegre, 1965), ‘A Mulher do Pau-Brasil’. Será o venres 27 de abril no Auditorio de Galicia ás 20.30 horas nun concerto que forma parte da programación do Concello de Santiago.

Inspirada polo movemento modernista brasileiro dos anos 20, no seu “Manifesto da Poesia Pau-Brasil”, a súa influencia sobre o Tropicalismo, e con base na aprendizaxe, pesquisa e traballos desenvolvidos como profesora e Embaixadora da Universidade de Coimbra, Adriana Calcanhotto creou un novo espectáculo, no cual reflicte todas estas novas experiencias.