Saltar ao contido principal
Xornal

Un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual consegue facer realidade o seu proxecto de webserie

Actualizada: 17-04-2018 12:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda á dereita: Nuria Cancela, Alba Pego e Laura Pose

Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos poderían ser simplemente os nomes de catro estudantes, pero son moito máis que iso: representan a nova xeración do mundo audiovisual. A súa webserie “Sígueme” resultou gañadora da última edición do festival galego Carballo Interplay. Eles cursan terceiro curso de Comunicación Audiovisual e, con moito traballo e imaxinación, crearon unha historia única capaz de conquistar a un gran número de persoas.

O proxecto co que soñaron e no que tanto traballaron ten agora a oportunidade de ser unha realidade. O Premio ao Mellor Proxecto de Webserie proporciónalles un total de 1.500 euros para producir este proxecto audiovisual. Na próxima edición do festival presentaranse os primeiros tres capítulos desta serie. O feito de que sexa un equipo formado na súa maioría por mulleres é tamén unha reivindicación do papel da muller no sector audiovisual, moitas veces relegado a un segundo plano. “Somos un equipo formado case na súa totalidade por mulleres e somos o grupo máis novo que se presentou ao festival”, asegura Nuria Cancela, directora e montadora do proxecto.

O argumento da trama configúrase ao redor dunha estudante de Psicoloxía que foi expulsada da súa Universidade polo experimento que estaba realizando. “Entón, comeza a traballar como limpadora nun centro onde se realizan terapias grupais. De forma oculta, continúa alí coa investigación pola que a botaran da Universidade”, explica Nuria Cancela.

O equipo de estudantes móstrase moi agradecido cos “docentes que confiaron en nós e nos apoiaron a levar isto adiante, a Facultade de Ciencias da Comunicación polo material cedido, a Asociación CREA por confiar en nós e presentarnos a oportunidade de acudir ás Xornadas Conecta e ao propio Carballo Interplay”, indica Alba Pego, produtora do proxecto. O compromiso e o esforzo deste grupo de estudantes converteu o seu soño nunha realidade na que xa están traballando.